Unidade do pleno de Guitiriz para solicitar á Xunta a recuperación dos centros de saúde

TerraChaXa
O PSOE de Guitiriz solicita ao Sergas a recuperación da actividade en Parga e que se dote aos centros de saúde de persoal sanitario.
centro de saude parga
28 Maio 2021

O Pleno de Guitiriz aprobou por unanimidade unha moción do PSOE na que solicita ao Sergas que se recupere a normalidade na actividade do consultorio de Parga e tamén que se dote aos centros de saúde do municipio do persoal sanitario suficiente.

"Os socialistas consideramos que a atención sanitaria no municipio actualmente está a ser deficiente, sumándose agora a escaseza de facultativos á non reapertura do consultorio de Parga", explican na moción.

Explican tamén que o equipo de goberno do Concello de Guitiriz aceptou no seu momento a proposta de peche do consultorio por parte do Sergas co obxectivo de garantir a seguridade de traballadores e usuarios. "Máis de un ano despois segue pechado polo que é necesario lembrarlle á Xunta de Galicia o seu compromiso de reabrilo xa que as consecuencias de non facelo están a recaer principalmente nos veciños e veciñas. Recordamos que todo o persoal sanitario xa está vacinado e, ao igual que se está a retomar a normalidade noutros ámbitos, no sanitario é necesario facelo xa".

Por outra banda, o concello pasou de ter 5 facultativos pasando consulta a diario antes da pandemia a contar con 2 a día de hoxe, dos que só un é titular da praza e outro é enviado como apoio. "Nas últimas semanas están dándose situacións que provocan que os sanitarios teñan que desempeñar o seu traballo nunhas condicións nefastas para eles e para os veciños e veciñas de Guitiriz.  Por todo isto, instamos ao Sergas a que dote os centros de Atención Primaria do noso concello co persoal sanitario suficiente, debemos dispoñer de cinco facultativos, 3 asinados ao centro de Guitiriz e 2 ao de Parga", conclúen.

INFRAESTRUTURAS

O Concello de Guitiriz aprobou no pleno unha proposta de suplemento de crédito valorada en 198.417 euros e que inclúe diferentes proxectos de mellora de infraestruturas, camiños e saneamento.

Este paquete de investimentos, que se executaría valéndose do remanente de tesourería, inclúe a mellora da contorna da piscina municipal Sete Muíños, un proxecto que conta cun orzamento de 30.000 euros e que permitirá ampliar a zona verde e crear unha piscina máis pequena e de menor profundidade para uso dos máis pequenos.

O maior importe deste suplemento, 100.000 euros, destinarase á reparación de estradas e camiños. O obxectivo é complementar aquelas actuacións de pavimentado que se están a acometer a través do Plan Único da Deputación de Lugo e cubrir o máximo posible as necesidades que ten a rede de vías municipal.

Por outra banda, consígnanse 40.000 euros para a reparación e mellora de elementos funcionais da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guitiriz e 30.000 euros para financiar o proxecto de mellora da rede de saneamento entre as rúas Lagoa e Xermolos, que conta cunha subvención do Plan Hurbe da Xunta de Galicia e que permitirá resolver os problemas de acumulación de areas que provocan estragos nos equipos de bombeo e que tamén están a ocasionar a perdida do material de recheo do firme.

OUTROS ASUNTOS

Ademais, no pleno ordinario aprobouse por unanimidade a Ordenanza Fiscal Reguladora da taxa pola tramitación de expedientes e expedición de documentos administrativos. Non se aprobou a moción do BNG para o rexeitamento da nova proposta presentada por ADIF, por 7 votos en contra do PSOE, 4 abstencións do PP e 1 voto a favor do BNG.

A moción do BNG sobre o proxecto eólico Pena Ombra, á que se incorporou unha emenda do PSOE, foi aprobada por 8 votos a favor (7 do PSOE e 1 do BNG) e 4 abstencións do PP. A modificación introducida afectou ao punto 5 da mesma e expoñía que “o Concello de Guitiriz se comprometa cos medios dos que dispón para desenvolver as actuacións precisas para o control dos proxectos, defendendo os intereses ambientais, económicos e sociais do Concello, e desenvolver na medidas das súas posibilidades as actuacións necesarias para favorecer a transparencia, información e a capacidade de negociacións das persoas propietarias e comunidades de montes”.

0.19491410255432