Unións Agrarias denuncia unha estratexia da industria para volver baixar o prezo do leite

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Insta ás administracións a actuar para garantir a recollida e a rendibilidade das explotacións de menores dimensións
responsables-de-unions-agrarias
Conferencia de prensa de responsables de Unións Agrarias en Lugo
23 Xul 2024

"En cuestións de semanas arredor de mil granxas lácteas poden quedar sen recollida de leite". Así o denuncia Unións Agrarias, que asegura que o que en principio semellaba un problema limitado á Montaña Lucense comeza a estenderse polo conxunto da Comunidade. A organización agrogandeira condena o que "a todas luces semella un intento por forzar unha reconversión do sector vía ameazas que, se as administracións non toman cartas no asunto, rematará por deixar fóra de mercado e levar ao peche ás explotacións máis pequenas".

Entorno a 1.000 explotacións poden verse afectadas polo que para Unións Agrarias é, sen lugar a dúbidas, "unha estratexia para forzar unha nova rebaixa no prezo do leite ás explotacións máis pequenas. Empregando argumentos peregrinos sen base xurídica relacionados coas dificultades de acceso para os camións, o manexo ou o modelo de traballo as granxas, as industrias están anunciando ás granxas de menores dimensións a súa intención de cancelar a recollida do leite a partir do vindeiro 1 de agosto. Unhas presións intolerables tras as que Unións Agrarias entendo que se agocha un intento de reconversión brutal por parte das industrias, que pretenden forzar a que en Galicia só existan explotacións de gran tamaño nas que lles sexa máis sinxelo e rendible operar".

“Non estamos dispostos a deixar que sexa a industria quen decida como debe ser o sector produtor galego”, aseveran dende a organización; que xa anuncia que, se as industrias non desisten neste intento por expulsar do mercado ás granxas familiares máis pequenas iniciarán unha campaña de mobilizacións e sinalamento contundente.

Unións Agrarias lembra o papel esencial das pequenas explotacións, esenciais na batalla contra o abandono e o despoboamento e para a xestión do territorio. Nese senso, a organización apunta que “en Galicia nin é posible nin desexable ter só explotacións de gran tamaño”. E lembra que case o 50% das granxas de leite galegas, arredor de 2.500, son explotacións familiares que producen menos de 200.000 quilos. “Explotacións que están sendo maltratadas ano tras ano, e que a día de hoxe cobran 6 céntimos menos que as que producen máis de 700.000 quilos. Un diferencial que o ano pasado chegou ata 12 céntimos, e que non é posible seguir tolerando”.

Unións Agrarias lembra que “foron esas explotacións pequenas as que permitiron que as máis grandes cobraran un mellor prezo. Elas financiaron o incremento de prezos do leite, e agora por intereses das industrias parece que sobran”. Nese senso, a organización fai un chamamento a Xunta e Ministerio para que interveñan. “Non imos permitir que se pechen explotacións nin que se lles abarate aínda máis o prezo do leite, deixándoas fóra de mercado e levando ao límite a súa rendabilidade”.

Unións Agrarias entende que as administracións non pode ficar impasibles cando saben que se están a empregar argumentos ilegais e sen base xurídica para cancelar a recollida de leite. ” Unha administración non pode saber que unha industria está a incorrer en ilegalidades e ollar para outro lado”, apunta a organización. Que insta ademais a que o goberno autonómico siga o exemplo doutras Comunidades, que xa activaron axudas para paliar os maiores custos que supón manter a recollida en zonas de montaña e difícil acceso.

Se ben a provincia de Lugo será a máis afectada por este plan de reconversión encuberto, pois entorno ao 40% das granxas de menor tamaño están nesta provincia, o problema esténdese polo conxunto da xeografía galega, pois as presións das industrias están a reproducirse en distintas zonas. “Estamos ante unha situación especialmente complexa que preocupa e indigna. O que pensamos que nun principio era un tema puntual limitado á zona da montaña lucense, onde as industrias empregaban a escusa do difícil acceso para deixar de recoller o leite, estase reproducindo en toda Galicia. E non imos permitir que sexa a industria quen force un plan de reconversión das explotacións deste país empregando argumentos que non son acordes á legalidade”, apunta Unións, que asegura que “se as industrias non mudan de actitude imos ter un verán quente no que a mobilizacións se refire”.

Unións Agrarias non ten dúbida de que, a pesar das ameazas que as industrias lácteas están a trasladar a gandeiras e gandeiros, en Galicia “non vai quedar un só litro de leite sen recoller. O que busca a industria é volver baixar prezos e incrementar a súa conta de resultados”.

A organización, que lembra a “incoherencia que supón poñer en valor a gandería familiar e ollar para outro lado cando se ten constancia deste tipo de actuacións”, xa ten solicitado unha xuntanza coa directora territorial en Lugo da Consellería do Medio Rural para abordar o asunto. “Hai que deixar de predicar e comezar a dar trigo”.

En Galicia desaparecen cada ano arredor de 400 explotacións. Ademais, as ganderías galegas soportan un importante e inxustificable diferencial de prezo respecto ás demais Comunidades: case 6 céntimos respecto a Asturias e 2 céntimos por debaixo da media estatal. Condicións impostas polas industrias sen xustificación posible nunha Comunidade que segue a ser líder en volume de produción dun leite da máxima calidade.

Xuntanza con afectados en Becerreá

Unións Agrarias reuniuse este luns con algúns dos gandeiros e gandeiras afectados por esta problemática na Montaña Lucense. Os produtores, que de cumprirse as ameazas das industrias non terán quen lles recolla leite a partir do 1 de agosto, traladaron a súa fonda preocupación por unha situación sen precedentes que, de non solucionarse, ameaza con abocalos ao peche.

0.2069981098175