Uns 2.700 escolares de Lugo e A Terra Chá participaron na promoción do programa Xogade

LugoXa | TerraChaXa
Ofertáronse 20 sesións de orientación e 10 das especialidades de escalada, hip hop e ximnasia, parkour e ximnasia acrobática, e espeleoloxía
xogade-gravity
19 Dec 2024

Un total de 2700 escolares da provincia de Lugo participaron neste primeiro trimestre de curso nas actividades de promoción deportivas do programa Xogade, que desenvolve a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que se ofertaron 20 sesións de orientación e 10 das especialidades de escalada, hip hop e ximnasia, parkour e ximnasia acrobática, e espeleoloxía. Todas contaron con 50 participantes por xornada excepto estas últimas, que tiveron lugar na cova do Rei Cintolo (Mondoñedo) e restrinxíronse a 20 prazas polas limitacións propias do espazo.

Arias cualificou de “altamente positivo” o balance da programación promocional de Xogade, que se pecha esta semana, “porque dá aos rapaces e rapazas a posibilidade de entrar en contacto con novas disciplinas, proporciona experiencias de ocio saudables e mesmo contribúe a espertar vocacións”.

O delegado visitou as instalacións da escola de danza, ximnasia e espectáculos Gravitty no polígono do Ceao, en Lugo, que acolleu as sesións de parkour e ximnasia acrobática que clausurou o alumnado do IES Terra Chá, de Castro de Rei. Nas semanas previas recibiron a grupos de Primaria e Secundaria do CEIP Veleiro Docampo (Castro de Rei), o IES de Becerreá, o IES Río Miño de Rábade, e os colexios de Albeiros, Nadela e A Anexa, en Lugo.

Arias aproveitou tamén para agradecer a colaboración dos distintos clubs e entidades da provincia que se implicaron nesta proposta.

Competicións

O programa Xogade continúa durante todo o curso con competicións en 16 modalidades na actividade deportiva escolar, ás que se suman as das 39 federacións adheridas. As disciplinas convocadas no marco da actividade deportiva escolar son atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, cross, duatlón, encontros multideportivos, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo.

A Secretaría Xeral para o Deporte asume o custo do transporte para garantir o acceso ás actividades así como os seguros dos participantes, que na provincia suman arredor de 18.500.

0.16165399551392