Uns 200 mozos e mozas participarán nos torneos de fútbol e baloncesto do Espazo Xove de Vilalba

Máis de 200 mozos e mozas participarán na Semana do deporte que organiza o Espazo Xove da Xunta en Vilalba desde mañá e ata o próximo venres; inclúe o XXV Torneo de Baloncesto 3x3 e o XXVII Torneo de fútbol 3x3.
A convocatoria foi presentada hoxe na Delegación Territorial polo delegado territorial de Lugo, Javier Arias, nun acto ao que tamén asistiron a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e o director territorial de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández.
O torneo de fútbol dará comezo mañá mesmo, a partir das catro da tarde na praza da Constitución, e conta con 58 equipos inscritos con tres integrantes cada un. O mércores iniciarase o torneo de baloncesto no pavillón municipal, se ben o venres os partidos trasladaranse tamén á praza para disputar as finais; hai unha ducia de equipos rexistrados, con catro membros cada un, pero hoxe aínda está aberto o prazo de inscrición.
O delegado territorial explicou que estes torneos “dan visibilidade ao labor do Espazo Xove, que ofrece á mocidade de Vilalba e da contorna un punto de encontro con alternativas de ocio durante todo o ano”.
Entre as recentes propostas que ofreceu a Xunta nestas instalacións figuran obradoiros temáticos arredor do Día das Letras Galegas, obradoiros gastronómicos saudables, o torneo de billar e futbolín, a Feira da Primavera, ou o torneo de xadrez, que tamén entregará os seus premios este venres xunto cos da Semana do deporte.