Uns 70 nenos participan nas Pontes na primeira quenda dos campamentos
Un total de 70 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, participan na primeira quenda dos campamentos urbanos de verán que organiza o Concello das Pontes a través da Concellería de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude.
A concelleira da área, Tania Pardo, achegouse ata as instalacións do CEIP A Magdalena para intercambiar impresións co persoal responsable do campamento e cos participantes desta iniciativa municipal que, en palabras da edil ten como obxectivo prioritario, “axudar ás familias das Pontes a conciliar a vida persoal e laboral durante o período estival e ao mesmo tempo tratar de desenvolver entre as pontesas e ponteses máis pequenos actitudes positivas e valores esenciais para o seu crecemento persoal”.
A temática desta edición xira en torno o municipio pontés e así, baixo o título Explora As Pontes! búscase achegar os campistas á vila e aos seus recursos, desde a óptica do deporte, a cultura, o patrimonio, a historia ou a veciñanza, ao tempo que se traballa en valores como o respecto, a tolerancia, a cooperación e a igualdade.
Así, cada semana os rapaces e rapazas afondarán nun determinado valor social a través da música, obradoiros de manualidades, de xoguetes non sexistas, contacontos, práctica de deportes alternativos, obradoiros de reciclaxe, de decoración de camisetas, de cociña creativa ou obradoiros de corresponsabilidade, entre outros.
Haberá tamén visitas ao lago, á biblioteca e á casa consistorial para completar unha alternativa de lecer saudable e activo, orientada a potenciar as súas capacidades individuais, a convivencia con outros rapaces e rapazas, a súa creatividade,a autonomía e a responsabilidade.
As actividades do campamento continuarán durante os meses de agosto e setembro, achegando a máis de 80 nenos e nenas a lugares, sons, personaxes, músicas, artes, profesións, costumes, lendas, a historia, o imaxinario, as festas das Pontes, dun xeito creativo e divertido, traballando a transversalidade da igualdade de xénero.