Uns 800 animais foron os protagonistas da Feira do Poldro de Muras este domingo

Muras celebrou este domingo unha nova edición da Feira do Poldro e do Gando de Monte, organizada polo Concello coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A feira reuniu arredor de 800 animais -gando cabalar e vacún – dunhas corenta ganderías da contorna e do resto do país, refrendando un ano máis Muras como un concello de referencia en Galicia na promoción e apoio á gandería extensiva e aos seus produtos.
O recinto do Alto da Gañidoira acolleu, ademais dos curros cos animais á venda, diversas actividades de promoción do gando cabalar como actividades iniciación á hípica, carreiras de andadura e un concurso morfolóxico de Puraga.
O deputado de Rural Daniel García, o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, e a tenente de alcalde e coordinadora da feira, Paula Gómez, entregaron os galardóns do certame que recoñeceu os tres mellores exemplares.
O certame reuniu esta fin de semana a numerosos criadores e exemplares de alta calidade. Manuel Ramudo e José López Arnejo foron recoñecidos co premio ao maior número de cabezas presentadas, ao sumar ambos 72 animais. Ademais, distinguiuse aos mellores en diferentes categorías: semental cabalar, egua, lote equino, cría ecuestre, semental bovino, vaca, lote vacún e cría.
Tamén se desenvolveu o certame morfolóxico de Puraga, no que o mellor poldro de Pura Raza Galega foi Andorra, de Adrián Mariño (Viveiro), mentres que o galardón ao mellor semental recaeu en Chocolate, de Marcos García (Trabada). Na categoría de mellor egua, o premio foi para Garúa, de Juan Gasalla (Lourenzá).
A xornada completouse coas carreiras de andadura libre, que reuniron máis de 80 animais e nas que se entregaron premios aos tres primeiros de cada categoría. En sub-16 impúxose Brais Bouza García. Na competición serrada, Adrián Casas Rodríguez proclamouse vencedor ao superar a proba en menos de 1,51 metros, mentres que Darío Casas Rodríguez acadou o triunfo na categoría de máis de 1,51 metros. No apartado de chapeada, os primeiros postos foron para Gisela López Cibreiro (<1,51 metros) e Luis Miguel Romay Rodríguez (>1,51 metros).
A cita confirmou unha vez máis o gran nivel da gandería e da tradición ecuestre na comarca, cunha elevada participación e cun ambiente festivo que puxo en valor o traballo dos criadores e a calidade dos animais.
Un dos puntos máis concurridos da Feira foi a degustación de hamburguesa de carne de cabalo Pura Raza Galega, organizada no marco do programa de promoción de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.