Uns 88 proxectos optan a entrar na cuarta edición da Business Factory Aero

TerraChaXa | LugoXa
88 proxectos focalizados no sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados optan a entrar na 4ª edición da Business Factory Aero
dron polo aeroespacial rozas
24 Ago 2022

Un total de 88 proxectos disruptivos focalizados no sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados optan a entrar na 4ª edición da Business Factory Aero (BFAero). Trátase do mellor rexistro obtido nas catro edicións do programa de incubación, aceleración e consolidación impulsado pola Xunta no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.

A directora da Axencia Galega de Innovación sinalou que un total de 36 proxectos optan a entrar no itinerario de incubación (41 % do total de candidaturas presentadas), 39 no de aceleración (44%) e 12 no de consolidación (14%). Ademais, do total de proxectos candidatos nesta cuarta convocatoria da Business Factory Aero, un 61% son empresas constituídas e un 39% corresponden con ideas de proxectos empresariais.

Do total de proxectos candidatos que optan a entrar na 4ª edición un 11% proceden de Reino Unido, Singapur, Estados Unidos, Italia, Portugal, Croacia e Uruguai. Ademais, recibíronse proxectos de Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Canarias, Navarra, Andalucía, Cantabria, Castela e León e Estremadura, ademais de Galicia.

Do mesmo xeito, a área temática que máis solicitudes recolleu foi a de novas aplicacións dos vehículos non tripulados, cun total de 49 proxectos; seguida do desenvolvemento de plataformas e os seus compoñentes, con 23, e novos equipos e sistemas, con 13. Tres dos proxectos teñen un carácter transversal.

Selección de iniciativas

Agora procederase á avaliación de cada un dos proxectos presentados. Desta análise sairán os 11 proxectos que se incubarán, acelerarán e consolidarán nesta cuarta edición, que pon a disposición do talento innovador en Galicia o ciclo completo de formación e mentorización, que dará comezo a finais do mes de setembro.

Os 11 proxectos seleccionados accederán a comunidade de empresas da Civil UAVs Initiative, integrada por máis de 50 empresas e centros tecnolóxicos e de investigación; así como aos medios técnicos, servizos e infraestruturas do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) e aos proporcionados por outras entidades colaboradoras da BFAero. Tamén disporán de oficina na área de coworking da Fundación CEL, contarán con mentores de prestixio e experiencia no sector aeroespacial e terán contacto con investidores para acadar o máximo apoio económico no desenvolvemento dos seus proxectos.

O itinerario de incubación, dirixido fundamentalmente a proxectos de emprendemento no sector aeroespacial (spin offs, startups e spin outs), terá un máximo de 3 iniciativas participantes durante un período de 12 meses, ofrecendo apoio económico por parte da Axencia Galega de Innovación por valor de 40.000€.

No que respecta ao itinerario de aceleración, haberá ata 5 empresas que xa dispoñan dun produto mínimo viable, que recibirán a formación necesaria durante 8 meses, unha axuda da Axencia de 60.000 euros e un financiamento máximo de 50.000€ por parte de XesGalicia.

A gran novidade será o itinerario de consolidación, dirixido a un máximo de 3 empresas cunha antigüidade máxima de 7 anos con alta capacidade de crecemento internacional. O programa contará cunha duración de 4 meses, co apoio económico da Axencia Galega de Innovación de 30.000 euros e co financiamento de XesGalicia, por importe máximo de 250.000 euros.

Todos os participantes nesta cuarta edición beneficiaranse ademais dun bono de 10.000 euros para empregar servizos e infraestruturas do Polo Aeroespacial de Galicia, nos que se inclúen horas de voo e apoio en certificacións do sector.

Esta iniciativa da Xunta de Galicia, orientada a promover a incubación, aceleración e consolidación de empresas innovadoras en Galicia que poidan completar a cadea de valor do sector aeroespacial, xa ten confirmada unha quinta edición para o ano 2023. A BFAero pon a disposición do talento emprendedor os recursos necesarios para a súa potenciación, incluíndo a titorización dos proxectos con apoio permanente e espazo propio na Fundación CEL-Iniciativas por Lugo.

A BFAero, impulsada pola Xunta en colaboración coa Fundación CEL – Iniciativas por Lugo,  constitúe un claro exemplo de iniciativa aberta á colaboración de institucións, empresas e entidades tractoras, o que consolida excelentes resultados a través da fórmula de colaboración público-privada.

As cifras acadadas nesta cuarta edición confirman o interese dun sector especializado como é o aeroespacial e o dos vehículos non tripulados. Nas catro convocatorias realizadas da Business Factory Aero, que supón para os participantes a porta de entrada ao ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia, presentáronse un total de 267 proxectos, dos cales foron incubados e acelerados un total de 19 nas tres primeiras edicións. Ademais nas tres primeiras convocatorias, a BFAero propiciou a creación de 8 startups e un investimento de máis de 5 millóns de euros.

0.19911217689514