UPA esixe un plan integral para combater os incendios
A Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros, UPA, expresou a súa "dor e indignación" ante a "terrible" situación que se viviu, e aínda se vive, en amplas zonas de Galicia, Asturias e Castela e León. A organización quixo, con todo, lanzar unha mensaxe de unidade para toda a sociedade. "É inadmisible que se mencione aos habitantes do rural entre as causas do lume", manifestaron, "precisamente cando a sociedade ten que estar máis unida que nunca ante unha ameaza de leste calibre".
UPA explicou que as poboacións do medio rural son "os primeiros damnificados polo lume" pero, ademais, "son tamén as que forman a primeira barreira (e máis importante) de protección contra el". A organización apuntou o despoboamento do medio rural e a decadencia da gandería extensiva e o pastoreo, como razóns fundamentais da magnitude do lume.
Precisamente, estes días celébrase en Villaviciosa (Asturias) un debate do Foro de Acción Rural, no que participa UPA xunto con outras quince organizacións non gobernamentais. Durante esta xornadas, o Foro debate sobre despoboamento rural e a súa repercusión na propagación dos lumes e outros males. Entre as propostas do Foro atópase a de Plan de Actuación Forestal que, ademais doutras medidas, contempla unha estratexia de loita e prevención dos incendios.
Desde UPA téñeno claro "desde hai tempo", dixeron. "Levamos anos avisando que se deben outorgar máis recursos ao medio rural para asentar poboación, así como promover a gandería extensiva e o pastoreo, "labores que tradionalmente limparon o monte e previron incendios".
En canto ás perdas, a organización de agricultores e gandeiros declarou que "aínda é moi pronto para facer un balance". Isto débese, por unha banda, porque as chamas aínda non se extinguiron completamente nestas comunidades autónomas. Por outro, porque as cinzas, xunto coa néboa en moitos casos, crearon as condicións perfectas para impedir a visión. "Moitos gandeiros aínda non atoparon a todos os seus animais. Manteñen a esperanza de que conseguisen fuxir pero, en moitos casos, están a recuperar os corpos calcinados".