Urbaser encargarase da recollida de lixo, limpeza viaria e de praias de Burela

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Pleno celebrado onte no Concello de Burela acordou a adxudicación do servizo de recollida de lixo, limpeza viaria e de praias e xestión do punto limpo á empresa Urbaser.
12 Maio 2020

O Pleno celebrado onte no Concello de Burela acordou a adxudicación do servizo de recollida de lixo, limpeza viaria e de praias e xestión do punto limpo á empresa Urbaser. A proposta contou cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e os votos en contra do PP. O alcalde, Alfredo Llano, fixo alusión á responsabilidade do BNG para que este asunto saíse adiante e criticou a postura dos populares. 

O rexedor lembrou que “houbo unha primeira intentona no pleno do 30 de abril, pero polas razóns xustificadas que cada un dos grupos manifestou non se acadou un voto afirmativo maioritario porque houbo 7 votos en contra e 6 a favor. Eu manifestei que realmente o que había que votar era a proposta que facía a mesa de contratación, baseada en métodos obxectivos totalmente cunha valoración rigorosa tendo en conta todas as variables, pola que saíu elixida a empresa Urbaser. Entón había que votar esa proposta da mesa de contratación, non se trataba de divagar sobre as preferencias de cada grupo sobre como debe ser a xestión da limpeza en Burela”.

Para Llano “hai que ter en conta que se nos descoidamos na decisión da adxudicación complícase moito a situación para o Concello de Burela porque a empresa que agora mesmo está prorrogada non quere seguir e polo tanto habería conflito. E a que gañou a adxudicación quere vir prestar ese servizo”. 

O alcalde subliñou que “no pleno de hoxe houbo responsabilidade e aprobouse grazas á abstención do BNG, que neste caso actuou perfectamente, tivo en conta o informe do secretario do Concello, no que facía unha valoración sobre o que supoñía a adxudicación ou non deste servizo. Penso que pesou a responsabilidade e por iso saíu para diante esta adxudicación”.

Alfredo Llano dixo que “o PP insiste en pensar que vamos hipotecar o Concello, derivado da suba enorme, segundo eles, con respecto ao que había. Pero a realidade é que se soben exactamente 150.000 euros con respecto á antiga adxudicación, pero houbo moitos cambios. O PP trataba de tombar a proposta con datos que veñen do ano 2016, pero non acertaba nunha xustificación certeira e rigorosa para que non se adxudicara a esta empresa. Penso que se equivocan porque non vamos hipotecar para nada ao Concello de Burela con este contrato para a limpeza integral do noso concello porque o que se pretende é ter un servizo realmente acorde coas necesidades de Burela. A veciñanza reclama un bo servizo, de calidade. E vai haber recollida de cartón todos os días, tamén un vehículo para levar os enseres ao punto limpo, unha boa limpeza de praias, limpeza de contedores cada pouco tempo, limpeza e desinfección das rúas. Polo tanto gáñase moitísimo en servizo. E tamén hai que ter en conta as variacións que houbo desde o anos 2016 e 2017 a hoxe con respecto aos salarios dos empregados, que houbo que adaptalos ao novo salario mínimo que xa está en vigor”.

E engadiu: “polo tanto esa suba realmente vai traer consigo un aforro en todos os aspectos: vai haber menos lixo, menos pago a Sogama, moita máis limpeza, … E para nada se vai hipotecar o futuro do Concello de Burela porque hai que lembrar que agora mesmo ten un remanente de 3,5 millóns. Por tanto non debe preocupar de momento este aspecto”. 

BNG

O voceiro do BNG, Mario Pillado destaca que “para o noso entender, a responsabilidade do que aconteceu con este procedemento é única e exclusivamente do goberno por non escoitalos grupos municipais de forma inexplicable estando nunha situación de minoría. A falta total e absoluta dunha planificación na xestión fai que este tipo de situacións se repitan no noso concello, como lle temos repetido ó señor alcalde ata a saciedade nos últimos anos”

Recordando os antecedentes Pillado di que “na emenda que presentábamos ó inicio do procedemento de contratación, fai agora xa mais dun ano, críamos que un contrato tan longo, de catro anos prorrogable a un, era demasiado para ter opcións reais de recuperar devandito servizo. Como tamén descoñecíamos nese intre o futuro político do noso concello críamos moi aventurado iniciar este proceso sen coñecer a configuración da nova corporación municipal. O tempo rematou dándonos a razón”

Cos respecto ó informe de secretaría, sostén o voceiro nacionalista, “dinos que por tratarse deste momento no procedemento, as consecuencias de non adxudicar o contrato derivarían en posibles recursos por parte dos licitadores, con indemnizacións a cargo das arcas municipais ademais de que o posible recurso da licitadora proposta prosperaría no correspondente tribunal recibindo deste feito a adxudicación do contrato” quen continuou asegurando que “o armazón legal creado polo PP cando gobernou no estado e permitido polo PSOE, protexe a privatización e ocasiona este tipo de disxuntivas. É dicir, se nunca se tivera privatizado o servizo nunca estariamos ante esta problemática. Unha vez mais, o tempo danos a razón acerca da nosa defensa da xestión pública dos servizos”

Por outra bando Pillado quer aclarar que “dende o BNG tamén defendemos que non é positivo xudicializar a política, tendo en conta que este proceso xa estivo sometido a recursos e a sentenzas de tribunais vímonos na obriga de absternos posto que o que pensamos confronta coas consecuencias das que se nos informan e nos, e sobre todo, traballamos polo interese da veciñanza de Burela e da administración local”

0.12497401237488