Usuarios da estrada LU-P-0101 quéixanse do mal estado do firme
Usuarios da estrada da Deputación LU-P-0101 que vai dende Gontán , no Concello de Abadín, ata Ferreira, no Valadouro, quéixanse do mal estado do firme en varios tramos onde se aprecian importantes fochancas, "que causan un serio perigo para os usuarios da mesma e os seus vehículos", din, e "a todo iso súmase o pésimo estado mantemento da mesma sen limpeza de cunetas nin arranxo de zonas que xa foron obxecto de accidentes de vehículos".
"Dende a Deputación non se avistan medidas para arranxar o problema que xa leva meses e que cada vez vai a máis, non se pretende ter unha autovía, pero si unha estrada cun firme e un mantemento digno para os que temos que transitar por ela", sinalan os usuarios, por iso, "con esta queixa, queremos instar a Deputación e a o seu organismo competente, a que se tomen as medidas oportunas antes de que se poidan lamentar danos máis importantes".
"Se queremos ter un rural vivo, temos que ter unhas infraestruturas e unhas comunicacións dignas, que permitan o movemento da veciñanza sen complicacións e sen perigo", conclúen dicindo.