UUAA demanda A Feijoo xustiza fiscal para o agro galego
Unións Agrarias vén de trasladarlle ao presidente da Xunta de Galicia a necesidade de activar medidas de xustiza fiscal que poñan fin "ao maltrato que os produtores galegos veñen recibindo por parte do Ministerio de Facenda". No escrito, a organización agraria lémbralle a Núñez Feijoo que nesta lexislatura, "lonxe de favorecerse o desenvolvemento e o equilibrio do medio rural, tal como prometera na súa investidura, está resultando a mais destrutiva en termos de rendas e cargas fiscais para os produtores".
"Así, á falta dunha resposta eficiente por parte da Consellería de Medio Rural diante das calamidades climáticas (xeadas, pedrazo e seca) que veñen sufrindo as explotacións agrogandeiras galegas, houbo que sumar a voracidade recadatoria que levou incluso a ser multados persoas polo feito de botarlle unha man na colleita a parentes ou veciños, tal como se ven facendo desde sempre en Galicia, cando esas axudas sábense sempre puntuais e polas que non se percibe renda algunha", din.
Unha teima por baleirar as rendas dos produtores presente no catastrazo co que se está facendo pagar aos agricultores e gandeiros polas construcións que son o seu medio de vida, ou na redución de máis dun 20% da bonificación do gasóleo profesional, e tamén a limitación do complemento de renda que ter os pensionistas que venden castañas ou uvas, ou a campaña indiscriminada de requerementos fiscais que está ditando contra as explotacións gandeiras galegas.
Unha acción sen precedentes, vai dirixida a tódolos produtores que fixeran cesións ou transmisións de dereitos do pago único da PAC, a pesar de que estas accións no tiveran carácter honeroso ao non existir transvase de diñeiro ou realizarse entre pais e fillos ou conxugues a hora da xubilación. Unhas axudas comunitarias que por certo teñen o carácter de condicionadas, posto que se conceden a labor medioambiental e o mantemento dun modelo de produción de alimentos con calidade e a prezos asequibles, polo que resulta moi discutible o trato fiscal que se lles dispensa.
O sindicato UUAA vai trasladar aos deputados e deputadas galegos no Congreso un informe no que se pon de manifesto a necesidade de revisar de adecuar a sobrecarga tributaria que soportan os gandeiros e agricultores galegos cos doutras zonas produtivas para "cando menos para poder competir en igualdade de condicións".