Uxía e Celina da Piedade ofrecen este xoves un concerto nas Pontes
A cantante galega Uxía xúntase este xoves 29 nas Pontes coa acordeonista, cantora e compositora portuguesa Celina da Piedade nun concerto moi especial, dentro do marco do proxecto De Ponte a Ponte.
Tras case dous meses levando espectáculos polas parroquias dos concellos, de Ponte a Ponte chega ao centro urbano da vila co concerto de Uxía e Celina da Piedade. O espectáculo terá lugar na Ponte das Chamosas ás 21:00h. Uxía é considerada unha das maiores embaixadoras da música e a poesía galegas. Nos seus máis de 30 anos de carreira artística, Uxía renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás con morna, fado ou ritmos brasileiros. Pola súa banda, Celina da Piedade é acordeonista, cantora, e compositor e é considerada unha das personalidades esenciais á hora de achegar a tradición portuguesa ás músicas do mundo.
Xuntas, darán un concerto moi especial no marco do proxecto De ponte a ponte, unha iniciativa que nace porque cre na cultura como unha ferramenta de transformación social. De ponte a ponte, ademais de poñer no centro a programación artística de calidade, fai tamén unha aposta porque as actividades teñan un destacado contido en valores como o feminismo, a ecoloxía, a xustiza social, a promoción da lingua galega e a cooperación internacional.
Esta fin de semana tamén estará a compañía teatral La Banda co seu espectáculo Kimera. Será o sábado 1 ás 19:00h na Praza da Lembranza. Kimera é un espectáculo circense que nos plantexa unha mirada á sociedade actual, mostrándonos a fraxilidade desas pequenas cousas que fan grandes ás persoas. Unha montaxe cunha grande estrutura de acrobacias aéreas única e sorprendente.
A programación espallarase ata o 29 de xullo, e por ela tamén pasarán outras artistas como Sheila Patricia, Monoulious DOP, Catuxa Salom, O Mago Teto ou Jorge da Rocha.