Uxío-Breogán Diéguez fala de Castelao este xoves nunha palestra do Iescha

TerraChaXa
Esta actividade enmárcase no compromiso do Iescha coa divulgación da historia e da cultura galega
palestra-castelao-politico
1 Jul 2025

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza unha palestra titulada Castelao político 1916-1950, que será impartida por Uxío-Breogán Diéguez, historiador e director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña. A presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, será a encargada de presentar o relator e de dar a benvida ao acto, que terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o xoves 3 de xullo de 2025, ás 20:00 horas.

Esta actividade enmárcase no compromiso do Iescha coa divulgación da historia e da cultura galega, contribuíndo a achegar ao público a figura de Castelao, nesta ocasión a través da súa dimensión política ao longo de boa parte da primeira metade do século XX.

Ao mesmo tempo, infórmase de que continúa aberta ao público na Casa da Cultura a exposición Sempre en Galiza 1944-2024, que permite afondar no pensamento e legado de Castelao, coincidindo co desenvolvemento de distintas actividades promovidas polo Iescha ao longo deste ano con motivo do 2025-Ano Castelao.

Uxío-Breogán Diéguez (Madrid, 1978) é doutor en Historia Contemporánea pola Universitat de Barcelona no programa Societat i Cultura e licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, desde onde desenvolve unha intensa actividade investigadora e divulgadora arredor da historia contemporánea de Galicia e a súa memoria colectiva.

⚙ Configurar cookies
0.17961502075195