Val de Francos celebrará a primeira edición dun raid hípico

LugoXa | TerraChaXa
O prazo de inscrición está aberto ata o 19 de novembro e os promotores prevén a participación dunha corentena de xinetes
Raid-Hipico-val-de-francos
8 Nov 2024

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a presentación da primeira edición do Raid Hípico Val de Francos, que se desenvolverá o 24 de novembro no municipio de Castro de Rei. A iniciativa conta co apoio do Goberno galego.

O delegado territorial, Javier Arias, participou no acto xunto ao alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, e Antonio López e Juan Pita, representantes do Club Hípico Val de Francos, que organiza a proba en colaboración co Concello.

O prazo de inscrición está aberto ata o 19 de novembro e os promotores prevén a participación dunha corentena de xinetes das catro provincias galegas, así como de Asturias e Castela e León.

O programa inclúe tres probas diferentes, con distancias de 80, 60 e 40 quilómetros cada unha. Todo o traxecto discorrerá por pistas e camiños forestais, salvo pequenos cruces de estrada nalgún tramo.

Ao finalizar a xornada haberá trofeos e regalos para os participantes. A organización destaca que o circuíto no que se desenvolverán as probas é un dos mellores de Galicia, en especial porque atravesa na súa totalidade por un terreo chan e sen pendentes.

A competición conta co apoio de varias entidades locais e nacionais, ademais do respaldo da Federación Hípica Galega. Esta proba pretende fomentar o deporte ecuestre na zona e poñer en valor as paisaxes de Castro de Rei, que ofrecerán un marco natural excepcional para o desenvolvemento do evento.

O Raid Val de Francos tamén promoverá a concienciación sobre a violencia de xénero, cunha mensaxe de apoio á campaña NON á violencia de xénero.

0.18577289581299