Variedade de propostas musicais e culturais nas Festas de Vilalba

TerraChaXa
Os festexos, que se celebran do 19 de agosto ao 3 de setembro, inclúen actividades para todas as idades e gustos.
festas de vilalba fogos artificiais5
22 Ago 2023

Os festexos, que se celebran do 19 de agosto ao 3 de setembro, inclúen actividades para todas as idades e gustos.

As festas patronais de Vilalba celébranse este ano desde o 19 de agosto e ata o 3 de setembro para honrar ao Patrón, San Ramón, e á Patroa, Santa María. Durante os días que durará este evento terán lugar grandes actuacións musicais a cargo de orquestras e formacións musicais do momento, ademais dos tradicionais actos relixiosos e as actividades culturais.

As celebracións, que se prolongarán durante dúas semanas, acollerán a multitude de visitantes, veciños dos municipios máis próximos e migrantes que regresan á súa terra para pasar as vacacións e gozar das festas.

Orquestras, grupos de folk e rock, proxeccións de películas, representacións teatrais, xogos para os máis pequenos son só algunhas das moitas actividades organizadas nestes días.

Entre elas, destaca a Xira Campestre, que reúne cada ano a miles de persoas na zona do río Madalena para comer, bailar e gozar durante dous días; e tamén a Xira Campestre da Terceira Idade, que leva máis de dúas décadas congregando a maiores de Galicia e do norte da península.

ACTIVIDADES

O comezo oficial das celebracións vén marcado pola lectura do pregón e a proclamación do gañador do Certame Literario do Concello de Vilalba, entre os que se atopan autores relevantes como Fiz Vergara Vilariño, Manuel Xosé Neira, Marica Campo ou Xabier Alcalá, entre moitos outros. Este será o día 30 aínda que haberá actividades antes.

O luns, 14 de agosto, tivo lugar o V Torneo San Ramón de pádel, que congregou a decenas de participantes e rematou o sábado 19, día que se celebrará a V Carreira Nocturna organizada polo Club de Atletismo Vilalba.

Hoxe, marte, celébrase o XXX Torneo San Ramón de Tenis organizado polo Club de Tenis de Vilalba, unha edición con grande importancia para os promotores, xa que chega este ano ao seu 30 aniversario.

Pola súa parte, o mércores 23 chegará o momento máis esperado, a Xira Campestre de Maiores, que contará coa actuación da Coral Luar, da Charanga de Vilalba e o dúo Estrellas. Esta cita, que é das máis importantes segundo a valoración dos visitantes todos os anos, terá lugar, como cada ano, na área recreativa A Magdalena e na que se poderá desfrutar da compañía de cuadrillas que compartirán comidas campestres e actuación de orquestras.

XIRA DA MOCIDADE

Con respecto á Xira Campestre dos mozos e mozas, esta terá lugar entre os días 25, 26 e 27, unha cita na que os mozos vilalbeses e de toda a bisbarra poderán desfrutar de música e moita troula.

O venres 25 haberá unha sesión nocturna de DJs locais como son Brais Tradd; Cris Vázquez; David García; Decrux; Diego Amigo e Peabody. Ez na xornada do sábado 26 poderase gozar dunha sesión vermú e unha festa nocturna amenizada pola orquestra Alma Latina e polo grupo musical Lecer. O sábado celebrarase o Trofeo President de fútbol, que organiza o Rácing Club Vilalbés. E na xornada do domingo a sesión vermú estará a cargo da orquestra Alabama.

MÁIS ACTIVIDADES

As actividades continúan o luns 28, xornada na que terá lugar o Día Infantil, unha xornada dedicada aos máis pequenos e pequenas que se acheguen a Vilaba. Comezará pola mañá no quiosco da praza da Constitución ás 11.00 horas coa Biblioteca na rúa e ao mediodía os xogos haberá xogos en familia como a corda, a culler e o ovo ou as carreiras de sacos.

A Xira volverá ser unha  das citas máis esperadas pola mocidade da bisbarra

Este ano as atraccións terán unha hora e media sen música para que a xente con sensibilidades auditivas poida desfrutar

Xa pola tarde, de 17.00 a 20.00 horas, será a festa infantil na praza da Constitución, e ás 17.30 poderase desfrutar do espectáculo Circando no templete da praza da Constitución. Esta cita está patrocinada por Dinamizart.

Por outra banda, o mesmo luns 28 celebrarase a XXIX Simultáneas de xadrez dende ás 18.00 horas na praza da Constitución.

Con respecto ao martes, 29 de agosto, terá lugar o esperado Día da Bicicleta, que terá a súa saída ás 19.00 horas dende a praza da Constitución e, a continuación, The Soulers animará a festa na praza de Santa María, patrocinado por Dinamizart.

Pola súa parte, o mércores 30 celebrarase o Certame Literario e o pregón no auditorio a cargo da xornalista Marta Gesto Lagüela. O acto do certame contará con diferentes colaboracións, que darán paso ás 22.00 horas ao concerto na praza de Santa María de Os D’Abaixo, un espectáculo patrocinado por Dinamizart.

Na xornada do xoves 31 de agosto, propio Día do San Ramón, celébrase o Día do Traxe Rexional, no que haberá pasacalles de Entre Lusco e Fusco e AC Andrade, que farán desfrutar aos visitantes, ata que a orquestra Los españoles poña a nota musical na praza da Constitución durante a sesión vermú.

Ás 20.00 horas, a Banda de Música de Vilalba dará o seu tradicional concerto ás 20.00 horas na praza da Constitución e pola noite as orquestras París de Noia e Los Españoles faranse cargo dos espectáculos musicais. Nesta xornada celebraranse tamén as finais do XXX Torneo San Ramón de Tenis.

INICIATIVAS EN SETEMBRO

O 1 de setembro, Día de Santa María, haberá pasacalles das asociacións Buxos Verdes e Mato Vizoso nunha sesión vermú amenizada pola orquestra Los Magos, que repetirá na sesión da noite.

Ás 20.00 horas, o grupo Bregadiers actuará na praza da Constitución seguido de El Kubo, que achegará un dos palcos máis grandes de Europa ata o Campo da Feira.

O sábado día 2 pola mañá volverán os pasacalles a cargo das asociación Cerna de Árbol e Mestura de Nete, dará comezo o Torneo de Rugby 3x3 Santa María e despois será a sesión vermú amenizada pola orquestra Principal na praza da Constitución.

Pola tarde, ás 20.00 horas celebrarase no auditorio o Festival de Bandas Pepe Guntín, que está organizado pola Banda de Musica de Vilalba. Xa pola noite, a sesión musical será a cargo da orquestra Principal e do grupo Assia.

O derradeiro día festivo, o domingo 3 de setembro, será o Día da Parroquia, que este ano está dedicado a Noche. Esta cita contará con pasacalles a cargo do grupo de gaitas de Tovar, da asociación Cerna de Árbol, da Charanga de Vilalba, e acto seguido farase unha sesión matinal e unha sesión de noite amenizada pola orquestra Galilea na praza da Constitución.

festas san ramon santa maria vilalba
0.15019202232361