Varios concellos recibiron unha achega á programación cultural

TerraChaXa | AMariñaXa
Varios concellos recibiron unha achega á programación cultural
8 Dec 2020

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade achegou este ano 114.400 euros a seis concellos lucenses para apoiar a súa programación cultural e fomentar a nova produción escénica e musical galega.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Xunta asinou convenios cos concellos de Burela, Monforte de Lemos, Ribadeo, Foz e Lugo no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, un circuíto financiado ao 50%, dunha banda pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e doutra polos 40 concellos galegos asociados.

A programación divídese en dous semestres e, en cada caso, a Xunta abre unha convocatoria para as compañías e artistas interesados en participar. Posteriormente, cada concello selecciona entre eles as propostas para elaborar a súa carteleira. En total, a rede suma este ano 500 citas culturais e posibilita a contratación de 223 compañías profesionais de teatro, música, danza, novo circo e maxia, a meirande parte delas galegas.

De cara ás actuacións deste segundo semestre, a Consellería flexibilizou a normativa para posibilitar que se reprogramaran 149 das 161 representacións afectadas no conxunto da rede galega pola declaración do estado de alarma, introducindo medidas como incentivos económicos á contratación de funcións consecutivas dun mesmo espectáculo e o desenvolvemento de actuacións ao aire libre ou en escenarios pechados diferentes aos adscritos.

Tamén recibiu unha achega o Club Clavicémbalo de Lugo, neste caso ao abeiro da Rede Galega de Música ao Vivo, na que a Xunta  asume o 90% do investimento mentres que o 10% restante correspóndelles aos 20 locais que lle dan forma ao circuíto.

Javier Arias destacou que “nestas circunstancias é máis indispensable que nunca ofrecer e consumir cultura, porque se pode facer en condicións de seguridade”. Para elo, engadiu, a Xunta “impulsa a creación de circuítos profesionais que sirvan de encontro entre os artistas e o público, reforzando as industrias culturais e, en suma, apoiando o talento dos nosos creadores”. 

0.17016696929932