O programa Biblioteca Creativa chega a Castro de Rei
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución cos novos centros que se incorporan ao programa Biblioteca Creativa, en concreto 25 centros en toda Galicia. Deste xeito, un total de 79 centros galegos desenvolverán ao longo do curso 2019/20 esta iniciativa, que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe da programación. Na provincia de Lugo desenvolverán esta iniciativa un total de 11 centros, dos que 3 son de nova incorporación.
Nova incorporación
Os centros públicos de infantil e primaria de nova incorporación recibirán os materiais necesarios para a construción dun mínimo de catro Escornabots, así como outros materiais precisos para a posta en marcha da iniciativa. Cómpre aclarar que os Escornabots son pequenos robots construídos sobre Arduino, a plataforma de robótica máis estendida a nivel educativo e profesional, que conta cunha ampla comunidade de persoas usuarias e desenvolvedoras, o que facilita o acceso a unha importante base de documentación para os proxectos que se realicen nas bibliotecas.
Ademais todo o software, hardware e o deseño do robot son libres. De feito, o programa realízase en colaboración cos integrantes do proxecto Escornabot, integrado en Bricolabs, asociación de fomento de investigación en tecnoloxías libres.
Pola súa banda os centros que renovan a súa participación recibirán unha asignación para ampliar o proxecto, ben sexa coa dotación dun recuncho creativo dentro da biblioteca con recursos de robótica e impresión 3D; coa adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma creativa, ou a través da formación do alumnado a través de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou outros ámbitos relacionados co programa impartidos por profesionais do eido.
Os centros que renovan a súa participación na provincia é o CEIP Ramón Falcón de Castro de Rei.
Plan LÍA
Biblioteca Creativa é un programa enmarcado no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares da Consellería, que ten entre os seus obxectivos xerais o de facilitar recursos e oportunidades para a incorporación de metodoloxías activas e para a integración nos centros das tecnoloxías emerxentes. Neste sentido, un dos desafíos do Plan é o de crear nas bibliotecas un centro creativo de aprendizaxes no que o alumnado poda experimentar e investigar con todo tipo de ferramentas e recursos.
Así mesmo, entre os retos do LÍA 2019/2020 está o de favorecer a alfabetización múltiple, neste caso a través da introdución nas bibliotecas da linguaxe da programación e da cultura maker (faino por ti mesmo) en actividades destinadas a mellorar a comunicación lingüística do alumnado, a expresión oral, o razoamento lóxico, a creatividade, o traballo colaborativo e a aprendizaxe manipulativa.