Veciñanza da Chaira visitou A Montaña e a Ribeira Sacra co programa Coñece a túa provincia

TerraChaXa
Preto de 40 veciños e veciñas de Baamonde e de Xermade percorreron este venres os concellos de Cervantes, Navia de Suarna, Taboada e Chantada
asociacion vecinos cazas xermade visita conece a tua provincia
9 Apr 2022

Preto de 40 veciños e veciñas de Baamonde e de Xermade percorreron este venres os concellos de Cervantes, Navia de Suarna, Taboada e Chantada.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este venres no Pazo de San Marcos a unha vintena de veciños e veciñas de Baamonde que visitaron a Montaña Lucense grazas ao programa da institución provincial Coñece a túa provincia.

Tomé Roca deu a benvida no Salón de Actos da sede provincial aos membros do Centro Recreativo Cultural e Deportivo de Baamonde, onde sinalou que esta actividade da Deputación “cumpre coa dobre finalidade de fomentar o coñecemento da riqueza patrimonial da provincia entre a propia veciñanza e apoiar a actividade dos sectores máis afectados pola pandemia”. O grupo, que coñeceu tamén o Salón de Plenos, desprazouse logo ata A Montaña para coñecer a aldea e as pallozas do Piornedo (Cervantes) e o castelo dos Condes de Altamira, a ponte medieval e a fábrica de embutidos de Navia de Suarna.

Por outra banda, un grupo duns 20 veciños e veciñas da asociación San Xulián de Cazás, de Xermade, achegáronse a coñecer as instalacións provinciais da Granxa Gayoso Castro en Castro Ribeiras de Lea, onde foron recibidos polo Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e polo Deputado de Participación Cidadá e Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas. A súa viaxe emprendeu rumbo cara o sur da provincia para coñecer Taboada e Chantada, onde visitaron diferentes igrexas do románico e tamén unha adega.

Un programa de provincia

Un total de máis de 3.000 persoas de 135 asociacións beneficiaranse das viaxes gratuítas pola xeografía lucense nesta segunda tempada da iniciativa coa que a institución provincial apoia a actividade do turismo, a hostalería e o comercio local. As saídas terán lugar en dúas quendas, que permitirán coñecer a provincia en primavera, entre marzo e xuño, e en outono, de setembro a novembro. 

Coñece a túa provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas son realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.

0.13718295097351