Veciñanza de Outeiro de Rei organiza xornadas informativas polas afeccións dun parque eólico

LugoXa | TerraChaXa
O BNG anunciou tamén que levará este asunto ao pleno municipal de febreiro coa intención de instar ao Concello a proporcionar información e apoio
reunions-alegaciones-outeiro
5 Feb 2026

A veciñanza do concello de Outeiro de Rei está a organizar diferentes sesións informativas para axudar ás persoas afectadas por un parque eólico actualmente en tramitación, cuxa liña de evacuación atravesará espazos naturais de ata dez parroquias do municipio. Segundo se informou, as parroquias afectadas son Santiago de Gaioso, Santa Mariña, Cela, Matela, Folgueira, Taboi, Vilela, Castelo de Rei, Sobrada de Aguiar e Arcos.

O obxectivo destas xornadas é facilitar información práctica á veciñanza para localizar as súas fincas e presentar alegacións dentro do procedemento administrativo aberto. As actividades están promovidas polos grupos de veciñanza afectada, que veñen coordinándose nos últimos días para dar resposta ás dúbidas xeradas polo proxecto.

As sesións celebraranse o xoves 5, de 18.00 a 20.00 horas, no local social de Santalla de Pena; o venres 6, de 11.00 a 13.00 horas, no local social de Arcos; e ese mesmo venres, de 18.00 a 20.00 horas, na Casa das Insuas. Ademais, está prevista outra charla informativa a cargo de Adega o sábado ás 12.00 horas no local social de Castelo.

O Grupo Municipal do BNG anunciou tamén que levará este asunto ao pleno municipal de febreiro, coa intención de instar ao Concello a proporcionar información oficial e apoio específico ás persoas afectadas polo proxecto. Desde a organización reiteran a súa disposición a colaborar con toda a veciñanza que precise asesoramento ou acompañamento neste proceso.

⚙ Configurar cookies
0.084251165390015