Veciños de Begonte farán unha excursión a Betanzos e A Coruña o día 2

O Concello de Begonte organiza o martes 2 de setembro unha excursión a Betanzos e A Coruña. A primeira parada será en Betanzos e, posteriormente, visitarase Corax Corax Fauna, un espazo no que se poderá coñecer, a través dunha visita guiada, máis de 50 especies de animais, moitos deles rescatados, entre os que se atopan leóns, tigres, lobos, pumas, monos, aves rapaces e suricatos.
Xa pola tarde, despois do xantar, a viaxe continuará con diferentes visitas a puntos emblemáticos da cidade da Coruña. O prezo da actividade é de 45 euros para persoas empadroadas e de 55 euros para non empadroadas, con 50 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de inscrición no Concello. No prezo inclúense o desprazamento en autobús, o almorzo, a entrada a Corax Fauna e a comida.
Para formalizar a inscrición é preciso cubrir o modelo de solicitude, achegar o DNI, a tarxeta sanitaria e o xustificante de pago, para o cal se facilitará o número de conta na propia solicitude. O prazo de inscrición rematará o venres 29 de agosto. Unha oportunidade para gozar dunha xornada de viaxe e convivencia organizada polo Concello de Begonte.