Veciños de Friol informáronse sobre as axudas para rehabilitación
A Delegación territorial da Xunta en Lugo realizou en Friol unha xornada informativa sobre axudas para a rehabilitación de vivendas na que técnicos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda explicaron as distintas liñas postas en marcha polo Goberno galego neste ámbito.
A xornada centrouse moi especialmente nos apoios previstos no marco da área de rehabilitación dos Camiños de Santiago, de recente convocatoria, e para cuxas axudas o Goberno galego reserva máis de 2,8 millóns de euros, segundo lembrou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.
Así, as comunidades de propietarios e as persoas físicas propietarias únicas de edificios ou de vivendas que estean emprazadas nas parroquias polas que discorren as rutas xacobeas poderán acceder a axudas a fondo perdido de ata 15.000 euros.
En concreto, o importe máximo da axuda será de 15.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán de financiamento estatal e non poderán poderán cubrir ata o 35 por cento do orzamento e 4.000 de financiamento autonómico, co límite máximo do 10 por cento do orzamento.
As persoas interesadas en acceder a estas axudas poderán solicitalas ata o 31 de outubro de 2018, salvo que se esgote antes o crédito orzamentario.
As obras de rehabilitación deberán estar rematadas e calificadas definitivamente antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes das axudas (31 de outubro). As que non cumpran estes requisitos poderán beneficiarse das axudas en posteriores convocatorias das mesmas, xa que na Ari dos Camiños de Santiago o prazo para a solicitar a calificación provisional (antes da finalización das obras) e a calificación definitiva (unha vez rematadas as obras) está aberto permanentemente.
Préstamos cualificados
Pero a Xunta de Galicia tamén ten en marcha outras axudas, con independencia do lugar no que estea emprazada a vivenda ou edificio, por exemplo, destina case 3 millóns de euros a subvencionar os xuros de préstamos para financiar obras de rehabilitación de vivendas.
Trátase dunha medida pioneira articulada a través dos convenios asinados pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda con Abanca, Caixabank, Caixa Rural Galega e Banco Sabadell. O importe máximo do préstamo é de 30.000 euros para aqueles de carácter persoal e de 60.000 euros no caso de préstamos hipotecarios
A subsidiación, en función da renda dos beneficiarios, pode chegar ata o 100% dos xuros durante un máximo de 4 anos, mentres que as familias con máis ingresos terán facilidades para acceder ao créditos. O prazo de solicitude esta aberto e prolóngase ata o 15 de outubro, salvo que se esgote antes a dotación presupostaria
Outras liñas de axudas para rehabilitación de vivendas son as destinadas para as áreas de rehabilitación integral dos cascos históricos, os apoios ao concellos galegos para rehabilitar antigas casas de mestres e outros oficios e a convocatoria de subvencións directas en caso de infravivenda.