Veciños de Guitiriz organizan unha viaxe para reivindicar o uso do tren
Veciños de Guitiriz continuarán a reivindicar o uso do tren cunha nova viaxe a León capital durante unha fin de semana do mes de outubro. Para esta cita aínda está aberto o prazo de inscrición e de información, que pode facerse no teléfono 618 709 085.
Esta viaxe complementa á realizada o 15 de setembro por 55 persoas para asistir á xuntaza anual da Federación de Veciños Lucus Augusti. Nesta viaxe, os veciños saíron de Guitiriz ás 10.30 da mañá e baixaron na estación de Lugo. Un grupo partiu de cara ao Pazo de Feiras de Congresos en autobús e outro fixo o percorrido a pé visitando a Muralla, a Catedral, o pazo de Orbán e a fonte da Pinguela entre outros recunchos.
Os veciños de Guitiriz foron tamén distinguidos nesta ocasión coa V de Veciño 2019 pola súa reivindicación en favor dun mellor servizo ferroviario.