Veciños de Mourence organiza unha tarde-noite de convivencia con actividades para todas as idades

A asociación Veciños de Mourence celebrará este sábado, 14 de marzo, unha xornada de convivencia aberta á veciñanza cun programa de actividades pensado para todas as idades e que combinará propostas lúdicas, culturais e festivas.
A programación comezará ás 17:00 horas cun taller de globos dirixido aos máis pequenos, que se desenvolverá ata as 20:00 horas e será impartido por Alba. A actividade non require inscrición previa e incluirá tamén merenda gratuíta para os participantes.
A partir das 20:00 horas terá lugar a celebración do Día dos Pepes e Pepas, cunha merenda-cea pensada para compartir entre veciños e veciñas nun ambiente de encontro e convivencia. Durante a xornada presentarase ademais o proxecto Faladoiros: Coñecendo as raíces, unha iniciativa que pretende fomentar o coñecemento da historia e das tradicións locais.
Desde a organización animan á veciñanza a participar nun evento que busca reforzar os lazos comunitarios e crear un espazo de encontro entre diferentes xeracións. As persoas asistentes poderán tamén adquirir bebidas a prezo reducido durante a celebración.