Veciños de Vilalba dispoñen dun mes para a limpeza de solares e parcelas

TerraChaXa
O Concello de Vilalba lembra aos propietarios de solares, parcelas e leiras que dispoñen dun mes para proceder á súa limpeza
finca solares limpeza herba
14 Xul 2023

O Concello de Vilalba lembra aos propietarios de solares, parcelas e leiras que dispoñen dun mes, desde hoxe, para proceder á súa limpeza por seguridade e salubridade.

A través dun aviso do concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Medio Ambiente e Espazos Naturais de Vilalba, Luis Fernández, o concello lembra que tal e como recolle a Lei 2/2016 de 10 de febreiro do Solo de Galicia, no seu artigo 135, será obriga dos propietarios “de toda clase de terreos, construccións, edificios e instalacións, entre outras, conservalos nas condicións legais para servir de soporte a ditos usos e, en todo caso en condicións de seguridade, accesibilidade universal e ornato legalmente esixible”.

No mesmo sentido, e de conformidade coa Ordenanza Xeral 25 de Protección de Medio Ambiente Urbano que regula a limpeza de solares no seu artigo 40.1, “os propietarios das leiras, vivendas e establecementos, están obrigados a manter en constante estado de limpeza as diferentes partes dos inmobles que sexan visibles dende a vía pública, de tal xeito que se consiga unha uniformidade na súa estética, acorde co seu contorno maila normativa vixente de aplicación”.

Por todo isto, o Concello insta aos propietarios de solares e parcelas a que realicen a súa limpeza e mantemento en condicións de seguridade, salubridade e ornato público.

Concédese un prazo dun mes dende esta publicación para a realización das labores correspondentes. Transcorridos os prazos mencionados, este concello adoptará as medidas sancionadoras procedentes.

O concello prega a colaboración de todos os cidadáns para o adecuado coidado do medio ambiente.

0.10546898841858