“Ver contenta tanta xente coñecida é moi emocionante”
Loterías Alcázar, desde 1927 xerando e cumprindo soños.
Nos días de máis apuro do ano, as datas previas a celebración do Sorteo de Nadal, entrevistamos a Carmen Rouco e a Pilar Rodríguez, traballadoras da Administración de Loterías Alcázar, entidade xerenciada por Daniel Formoso Vérez, neto do fundador e situada na céntrica rúa da Pravia de Vilalba.
Elas son a cara máis visible da administración pois, adoitan estar detrás da ventá dende a que se atende ao público, unha delas incorporouse fai un ano, namentres a outra compañeira, Carmen, con máis de 10 anos de antigüidade, estivo presente aquel 22 de decembro de 2017 cando Loterías Alcázar repartía máis de 500 millóns de euros do primeiro premio do Sorteo de Nadal.
Cantas persoas pasan pola administración cada día?
Non temos a conta pero estes días poderíamos afirmar cremos que sen equivocarnos que máis de 500. É un goteo constante, de feito moitas veces temos colas de xente para mercar a lotería.
É decembro o mes con máis actividade para unha administración de lotería?
No noso caso seguro que si, as vendas da Lotería de Nadal son con diferencia o momento de maior movemento. Non temos os datos exactos pero igual pode aportar preto do 50% da facturación anual.
Cambiou moito a forma de comprar debido á covid?
O ano pasado notámolo moito, sobre todo porque cadrou que se cerrara perimetralmente Vilalba en decembro e iso xunto con unha menor mobilidade en xeral durante todo o 2020 fixo que fora un ano malo, pero houbo sectores moito máis afectados e incluso aínda lles afecta na actualidade. Pensamos que este ano xa está nunha situación de normalidade no referido ao volume de vendas. Vemos que a xente volve a saír e pensamos que será un ano bo para nós.
E vostedes como vendedoras, teñen preferencia por algún sorteo?
Este de Nadal para nós é especial, ten unha diferencia moi grande fronte a outros sorteos, a xente regala participacións para este evento, quizais sexa o que a fai especial. E non só a regala a familia, tamén se regala a amigos, compañeiros de emprego, o feito de poder compartila e o que a fai diferente. Outros sorteos coma o do Neno tamén se regala pero en menor medida, sobre todo entre familiar e sobre todo de avós a nenos, pero non ten comparación co do 22 de decembro.
De onde ven a xente mercar?
De toda Galicia por suposto, de Asturias por proximidade, e este ano tivemos moitos envíos as Illas, tanto as Canarias como aínda en maior medida as Baleares, e despois moitas vendas para o sur, zona de Andalucía sobre todo. Por vinculación familiar e migratoria Cataluña e País Vasco son tamén dous puntos para os que normalmente marcha moita lotería.
Normalmente a xente compra números aleatorios, ou busca algo co que se vincula de forma emocional?
Temos de todo, xeralmente escollen un número que ten que ver con algo da súa vida, é moi común escoller a data de nacemento dos fillos por exemplo, outros collen un fixo, a outros tanto lles ten uns números ca outros e finalmente están os que prefiren que escollas ti o que leven porque din que das sorte. Este ano, como curiosidade, a xente pide a data na que se iniciou a erupción do volcán da illa de La Palma.
Como recordan a experiencia de dar un primeiro premio a tanta xente coma o de aquel ano?
Mira, cada vez que penso naquel momento, emociónome. De verdade, ver contenta tanta xente coñecida é algo que me fai emocionar. Que fora o primeiro premio é algo excepcional, pero que encima case vendéramos o número íntegro, son moitos centos de persoas, moitas delas coñecidas as que se beneficiaron. O deito de que afectara a tanta xente foi algo impresionante.
Ata onde chegaran daquela os décimos vendidos en Loterías Alcázar?
Aquí na zona quedaron moitos, pero tamén chegaron a Cataluña e País Vasco por aquelo de que hai moita xente con familia alí, a Andalucía porque unha nai comprara a data de nacemento de seu fillo, e incluso temos constancia de que chegou a China.
Como se vive nunha administración de loterías ese sorteo de Nadal?
Pois con moita calma, é un día de vendas moi frouxo, pola mañá case non entran clientes, está a xente máis pendente do sorteo.
Que lle piden ao 2022?
Pois o primeiro saúde, e se despois podemos repartir alegrías pois mellor, que a verdade e que xa levamos un tempo recibindo malas novas co da covid. Alegraríanos volver repartir algún premio importante, pero o dito, ante todo saúde.