Vía Alfoz aplaude que o goberno socialista recupere a idea de alugar casas baleiras

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
30 Sep 2019

Tan só un día despois de que Via Alfoz presentase por rexistro unha moción instando ao pleno para que o Concello de Alfoz, no ámbito das súas competencias, cree o Rexistro de Vivendas Baleiras de Alfoz, coa finalidade principal de paliar a perda de poboación coa posta en valor das vivendas deshabitadas, o propio goberno municipal socialista lanza a nova da creación dunha bolsa de vivendas sen esperar tan sequera á celebración do Pleno, que terá lugar este venres.

Desde Via Alfoz aplauden esta medida, aínda que se senten sorprendidos non só polo momento da súa publicación, senón porque “esta iniciativa foi proposta por Via a mediados da pasada lexislatura sen conseguir o apoio por parte do Psoe”, indican desde o grupo municipal.

En calquera caso, desde Via, consideran fundamental que este tema se debata no pleno pois, a proposta que se formula na moción, non parece corresponder exactamente á medida do actual goberno de Alfoz. 

Vía Alfoz considera que, coa creación do Rexistro de Vivendas Baleiras de Alfoz, se conseguirá informar e facilitar o contacto entre propietarios de vivendas baleiras e os potenciais inquilinos ou compradores. Non obstante, deberán ser exclusivamente as partes interesadas as que fixen os termos dun posible acordo, sen que o Concello de Alfoz poda predeterminar, valorar, nin condicionar o negocio xurídico que, no seu caso, celebren libremente as partes baixo a súa responsabilidade e que se rexerá pola lexislación aplicable. A creación  deste rexistro será un complemento ao Programa de Vivendas Baleiras do Instituto Galego de Vivenda e Solo, destinado, sobre todo, ás vivendas que non cumpran as condicións que esixe dito programa ou aquelas cuxos propietarios pretendan a súa venda.

Respecto ao Programa de Vivendas Baleiras do IGVS, desde Via recordan que no pleno celebrado o 1 de marzo de 2019 se acordou por unanimidade comunicarlle ao IGVS o desexo do Concello de Alfoz de participar en dito programa. Posteriormente Joge Val, alcalde de Alfoz, e Xabier Pardiñas, actual voceiro de Via e daquela responsable de urbanismo e vivenda do concello, participaron nunha reunión en Santiago no propio Instituto Galego de Vivenda e Solo, para aprobar definitivamente as bases reguladoras do programa de vivendas do Concello de Alfoz no pleno de 19 de abril de 2019.

O propio Xabier Pardiñas sorpréndese deste “acto propagandístico”, indicando que “non entendo porque neste momento se promete algo que xa está aprobado na lexislatura pasada”. Recorda ademais sobre este tema xa houbera discrepancias entre Via e o Psoe pois, “mentres que nós queríamos que o programa se aplicara tanto para vivendas de propiedade pública como privada, desde o Psoe tan so pretendían adherirse ao programa para rehabilitar as antigas casas dos mestres” razón pola que insiste “síntome sorprendido pero ao mesmo tempo satisfeito de que o señor Val corrixise o seu erro e nos dese a razón. Para algúns as cousas solo están ben cando saen da súa boca”.

Xabier Pardiñas recorda así mesmo que “en alusión ao subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres debo indicar que a convocatoria do ano 2019 rematou o pasado 31 de maio, estando o goberno en funcións” non estando convocadas neste intre a seguinte anualidade. Ademais, como recorda Pardiñas “o Concello de Alfoz non cumpre actualmente todos os requisitos para poder solicitar esta axuda”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18607401847839