VIA Alfoz elexiu a súa dirección executiva

TerraChaXa | AMariñaXa
18 Mar 2019

VIA Alfoz celebrou a súa primeira asemblea xeral. Nesta elixiuse a primeira dirección executiva do partido, presidida por Efigenia Maseda Paz, acompañada de Francisco José Fernández Fraga, como vicepresidente, Pablo José Maseda Rubal, como tesoureiro e vogal de eEconomía, e Jordi Melián Pagés, como secretario. Carmen Geada Maseda e Xabier Pardiñas Suárez tamén formarán parte da Executiva como membros natos, ao ter o cargo de concelleiros. Carmen Geada ostentará o cargo de vogal de Acción Social e Xabier Pardiñas será vicesecretario de organización e voceiro. O resto dos cargos estarán representados por Eliseo Lorenzo García, como vogal de Coñecemento, Daniel Pérez Pardiñas, comovogal de innovación, Fernanda Casabella Méndez, como vogal de participación, e José Luís Cascudo, como vogal de territorio.
Durante a asemblea, Xabier Pardiñas deu conta das xestións realizadas durante a presente lexislatura polo Grupo Municipal de VIA no concello, destacando a actividade do mesmo nas sesións plenarias, sendo o grupo máis participativo dentro da corporación respecto a mocións presentadas, indicando que todas elas foron aprobadas por unanimidade. Ademais, repasou as propostas e actuacións dentro do equipo de goberno facendo un exercicio de autocrítica por aquelas xestións que non se puideron levar a cabo ou que non se realizaron coa dilixencia adecuada, moitas producidas polas dificultades dun goberno en coalición.
Efigenia Maseda, xa como presidenta da nova dirección executiva, agradeceu a confianza recibida e recordou o espírito do grupo de persoas que iniciaron este proxecto fai catro anos, primeiro como agrupación de electores e agora como partido, indicando aos afiliados presentes que se debe seguir traballando polo futuro de Alfoz, garantindo a calidade de vida dos nosos maiores e dándolles oportunidades aos máis novos para que queden no noso concello.
A asemblea aprobou todos os acordos por unanimidade, entre eles o plan de traballo de cara ás próximas eleccións municipais que desenvolverá a nova Dirección Executiva, encargada ademais de confeccionar o programa electoral e a candidatura. Respecto a isto último, a asemblea decidiu pospoñer a decisión sobre a persoa que encabezará a lista como candidata á alcaldía, acordo que tomará a Executiva en vindeiras datas.
Tras a asemblea, os membros da nova dirección executiva, celebraron unha comida de confraternidade entre afiliados no bar San Pedro de Alfoz.

0.054081916809082