Vicepresidencia acusa á Xunta de atrasar a protección da Torre de Caldaloba ao recorrer a vía xudicial contra a compra

A situación da Torre de Caldaloba, no concello de Cospeito, volveu este xoves á actualidade pola falta de acordo entre as tres administracións implicadas —Xunta, Deputación e Concello—, que mantén paralizado desde 2022 o proceso de recuperación deste monumento histórico, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994. A propiedade da fortaleza está dividida a partes iguais entre a Deputación de Lugo e o Concello de Cospeito, tras a compra realizada por ámbalas dúas entidades en 2022.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e a deputada de Cultura, Iria Castro, acusaron á Xunta de Galicia de “dilatar unha vez máis” a protección e posta en valor deste ben patrimonial ao presentar unha demanda de retracto sobre a compra da parcela na que se atopa a metade oeste da torre e a parte principal do seu sistema defensivo. Esta adquisición foi realizada durante a lexislatura anterior, cando Maite Ferreiro era a responsable da área de Cultura.
Segundo explicou Iria Castro, a notificación xudicial recibida “é a primeira nova que tivemos da Xunta desde hai case tres anos” sobre este asunto. A deputada sinala que, de ter existido interese real pola adquisición e conservación da torre, a Xunta podería ter actuado en tempo e forma exercendo o dereito de tanteo ou retracto por vía administrativa, tal e como lle permite a Lei de Patrimonio.
Os representantes da Deputación critican que a Xunta optase pola vía xudicial nun momento no que tanto a institución provincial como o Concello estaban dispostos a negociar unha xestión pública unificada da torre, “sempre que fose acompañada dun plan serio de posta en valor”.
Mentres tanto, a Torre de Caldaloba, con máis de 600 anos de historia, segue nun estado de abandono, sen avances na súa recuperación e cun evidente deterioro estrutural. A veciñanza reclama un acordo inmediato entre administracións, ante o risco que supón o estado actual tanto da contorna como da propia fortaleza para os visitantes.
O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, lembra que foi en 2021 cando se iniciou o proceso de estudo e adquisición da torre tras múltiples demandas veciñais e culturais. Afirma que “o obxectivo sempre foi adquirir o monumento para poñelo en valor”, e insiste en que hai un expediente público que avala o proceso de compra municipal, apoiado economicamente pola Xunta.
A Deputación, pola súa parte, adquiriu a outra metade da torre “a un prezo máis elevado e con certas dúbidas sobre o procedemento”, segundo Castosa. Desde Vicepresidencia argumentan que esa compra se realizou “porque a Xunta non tiña intención de actuar”, e que o seu interese só apareceu despois da operación da Deputación.
Ao tratarse dun BIC, a Deputación non puido completar a inscrición da compra no Rexistro da Propiedade, o que complica calquera intervención no monumento. A falta de coordinación entre as administracións, acompañada de acusacións mutuas, impide avanzar cara a unha solución definitiva.
“Levamos anos de bloqueo, con silencio por parte da Xunta ante todas as propostas feitas desde Cultura e evasivas políticas, sen responder a ningunha das solicitudes de reunión coa Consellería”, denuncia Iria Castro. Asegura que desde a Deputación actuaron sempre “co obxectivo de incorporar a torre ao patrimonio público e impulsar un proxecto de recuperación e valorización acorde ao seu valor histórico e simbólico para Galicia”.
Ademais, durante 2023, a área de Cultura da Deputación solicitou en dúas ocasións autorizacións á Dirección Xeral de Patrimonio para actuacións de conservación e estudo na torre, sen obter resposta: unha o 23 de febreiro para traballos de estabilización e consolidación, e outra o 5 de decembro para sondaxes arqueolóxicos e instalación de elementos de protección no pozo xunto á fortaleza.
Tamén se presentou unha proposta ao programa do 2% cultural do Goberno do Estado cun investimento de 868.000 euros para investigación, conservación e consolidación da Torre de Caldaloba, que foi desestimada en decembro de 2024 debido, segundo denuncian, ao bloqueo institucional existente.