Vicepresidencia da Deputación colabora na dignificación das vítimas do franquismo en Guitiriz
O acto, organizado pola Asociación pla Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo, celebrarase o vindeiro domingo no cemiterio de San Mariña de Lagostelle.
Co apoio da Vicepresidencia da Deputación, o cemiterio de Santa Mariña de Lagostelle de Guitiriz acollerá o vindeiro 8 de maio ás 10.00 horas un acto de dignificación e inhumación dos restos de oito vítimas do franquismo, localizados nunha fosa común en 2019 pola Asociación por la Recuperación de los Desaparecidos en el Franquismo (ARDF).
Os traballos de excavación realizados en xullo do 2019 concluíron coa localización e exhumación de restos de oito persoas. Coa información achegada pola ARDF respecto desa intervención, e atendendo á convocatoria de axudas para a execución de proxectos relacionados coa memoria democrática realizada polo Estado a través da FEMP, o pasado agosto, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a entidade memorialista solicitaron unha achega para a dignificación dos restos, que non foi atendida ao esgotarse o orzamento.
A área de Memoria Histórica asumiu pois, a través dun convenio coa entidade memorialista, o financiamento íntegro da dignificación dos restos que foran exhumados en 2019. O deputado Efrén Castro explicou que “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo entendemos que debiamos colaborar coa Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo en dar unha solución a este proceso aberto en 2019, dando unha sepultura digna e homenaxeando a estas oito persoas asasinadas en 1936 polos golpistas”.
Ao tempo, Efrén Castro sostivo que “o Estado debe asumir a responsabilidade de buscar activamente os restos das vítimas do levantamento militar do 36 e da ditadura franquista, cunha política pública da memoria sostida no tempo e dotada dos recursos de persoal, técnicos e financeiros necesarios”.
“As institucións teñen que garantir o dereito á xustiza, verdade e reparación coas vítimas Unha democracia asentada no esquecemento é unha democracia pobre e de moi baixa calidade. Hai que lembrar que despois de Camboia, o Estado español é o país do mundo con máis persoas enterradas en foxas comúns que non foron investigadas”, lembrou o responsabel provincial.
As mostras dos restos localizados foron rexistradas polo laboratorio do Grupo de Xenética Forense da Universidade Complutense de Madrid, á espera de que novas investigacións permitan avanzar en estudos xenéticos e confirmar e ampliar as conclusións establecidas pola investigación da ARDF, a través de fontes documentais e orais, que sinalan os nomes de catro das vítimas – Edmundo Peinado Ponte, Luis Palleiro Freire, Ángel Rilo Raposo e Antonio González Costa –, non podendo concretar a identidade das outras catro.