Vilalba a acollerá este mes o segundo concurso de tapas
Concello de Vilalba e a Asociación de Empresarios Sete Pontes organizan a segunda edición do Concurso de tapas, que se celebrará do 21 ao 24 de outubro.
Poderán participar todos os establecementos de hostalaría de Vilalba, tendo de prazo máximo para inscribirse ata o vindeiro 14 de outubro. Para iso deberán enviar un correo electrónico a contacto@poligonosetepontes.com, e ademais desta solicitude de inscrición, deberán indicar o nome e foto da tapa, o produto ou produtos empregados e a receita (data límite 17 de outubro).
Este ano a novidade apunta a que as e os hostaleiros terán que elaborar as súas tapas, unha por establecemento, con ingredientes dos produtores/as locais recollidos na listaxe das bases de participación. O obxectivo desta iniciativa, segundo explican os empresarios é trazar unha rede de apoio tanto ao sector da hostalaría como ás empresas alimentarias de Vilalba.
Durante estas xornadas, os grupos de música tradicional ambientarán as rúas e sortearanse premios entre as persoas que participen, debendo consumir a tapa como mínimo en cinco establecementos distintos. Os grupos que participarán no evento serán Buxos Verdes, AC Andrade, Entre Lusco e Fusco, a Banda de Gaitas Mato Vizoso e Asubíos da Chaira.
Entre os produtos que se usarán para a realización das tapas figura o porco celta, a vaca cachena, a galiña de Mos e outras cárnicas da zona, así como pan, queixo e outros produtos como mel, ovos e champiñóns.