Vilalba Aberta asegura que o contrato da recollida de lixo finaliza o xoves e non hai renovación
Vilalba Aberta segue a presentar iniciativas de cara á vindeira sesión ordinaria de Setembro, desta volta, co obxectivo de que o equipo de goberno socialista dea conta da situación na que se atopa o proceso de renovación do contrato dun “servizo público fundamental”, isto é: o de limpeza, recollida domiciliaria de lixo, subministro-distribución e mantemento de recipientes normalizados e transporte de residuos no Concello de Vilalba.
Unha concesión da que, dende o 29 de Setembro do 2000, é beneficiaria a empresa Urbaser e que, tal e como lembrou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, “remata este mes e é, tal e como se delimita no contrato, improrrogable”.
“Dende Vilalba Aberta non podemos comprender como, a 5 días do remate dunha contrata que non contempla prórroga, non teñamos nin a máis mínima información do estado dun prego de cláusulas reguladoras, que calquera Goberno Municipal responsable e previsor tería xa hai meses listo”, remarcou.
A este respecto, Renda mostrouse especialmente crítico coa “abraiante inacción e falta de transparencia” do equipo de goberno, nun contexto de “minoría na corporación”, que, ao xuízo do voceiro, “debería esixir dun especial esforzo por chegar a acordos co resto de forzas políticas”, fundamentalmente – explicou - cun Grupo Municipal, o de Vilalba Aberta, que “tivo, ten e terá sempre a man tendida co obxectivo de poñer dunha vez a funcionar este Concello.”
Así mesmo, o edil foi taxante ao respecto da posibilidade da firma dun contrato menor, en tanto que solución provisional namentres non se adxudique a nova concesión, pois, lembrou, “o montante económico do servizo excedería os límites que a lexislación contempla para os contratos menores, sempre e cando non se divida a prestación”.
Na mesma liña se pronunciou a vicevoceira municipal da formación, Mº Xosé Fernández, quen de novo lamentou a “evidente falta de planificación e organización” dun equipo de goberno que “sempre chega tarde” e ao que urxiu á posta en marcha dun proceso de adxudicación “limpo e transparente”, que dea cumprimento ás obrigas que lle corresponden ao Concello, de acordo co establecido na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, a Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia.