Vilalba Aberta censura o deixamento do Goberno en normalización linguística
"O cumprimento da lexislación en materia de normalización lingüística segue a ser materia pendente no Concello de Vilalba". Así o denunciou o Grupo Municipal de Vilalba Aberta, a través do rexistro dunha iniciativa que terá a súa canalización no vindeiro Pleno Ordinario de Novembro.
Tal e como explicou a membro da coordinador, Iria Currás "a interpelación atopa fundamento no total deixamento do equipo de goberno, en tanto que garante do uso do galego no ámbito da administración local.” Así, denunciou, o “desprezo á lingua propia no conxunto das comunicacións e emisións oficiais, exemplifícase nas convocatorias das sesións plenarias.”
Un “incomprensible” xeito de proceder que, censurou, “se alonga xa por dous anos e medio de lexislatura” e que, en palabras de Currás “é especialmente grave ao contar ata hai poucas datas o Concello de Vilalba cun Servizo de Normalización Lingüística delegado para tal fin.”
Así mesmo, dende Vilalba Aberta lémbrase a necesidade de que a lingua galega ocupe o lugar que lle corresponde como lingua propia e cooficial de Galicia “non só no eido da administración senón tamén na veciñanza e moi especialmente no día a día das novas xeracións de falantes.”
A este respecto, Currás, puxo como exemplo do desleixo municipal neste ámbito, referenciando a escrita empregada nun dos xogos do novo parque infantil da Praza da Constitución.
“Os representantes municipais deberan ser exemplares no emprego da lingua galega e o mínimo esixible sería o compromiso de poñela en valor dende un punto de vista lingüístico, usándoa de forma correcta” remarcou.