Vilalba Aberta convoca unha sesión de conversas on line polo Día do Orgullo LGTBI
Vilalba Aberta convocou para este domingo, 28 de xuño, a celebración da cuarta edición do Orgullo LGTBI, dando continuidade ás convocatorias de 2017, 2018 e 2019.
Trátase dunha celebración algo diferente que, "por responsabilidade", emitirase en directo a través das contas de Facebook e Instagram e que supón, ao tempo, a volta da xeira de Conversas Abertas, "co fin de afondar no impulso democratizador co que nacemos, así como para ofrecerlle á veciñanza de Vilalba os mellores contidos sobre os que debater e avanzarmos coma sociedade, pola vía do protagonismo e a participación activa dos propios veciños/as de vila e parroquias".
Con estas conversas preténdese "responder ás vosas inquietudes e facer pedagoxía, dende a #¡corresponsabilidade e a través dunha concepción bidirecional, dunha nova forma de entender a política municipal, aberta, participada, democrática e eficaz".
Neste senso esta cuarta edición, focalizada na situación e experiencias do colectivo LGTBI no Concello, contará coa presenza dos veciños Alfonso Bermúdez, traductor; Noel Dopazo, historiador; Isabel Bermúdez, estudante e David Fanego, cantante.
A sesión terá lugar a partir das 19.00 horas.