Vilalba Aberta critica a “falta de planificación” da xestión dos espazos das asociacións
Vilalba Aberta trasladará ao Pleno o malestar veciñal ao respecto da xestión municipal dos espazos públicos utilizados polas asociacións. Un sentir, agudizado no pasado mes de setembro froito das deficiencias na coordinación dunhas instalacións municipais, destinadas a satisfacer as demandas de uso da veciñanza en xeral e do movemento asociativo en particular.
Critican a “arbitrariedade e a falta de transparencia na súa concesión” e apuntan á “total falta de planificación municipal” coma a responsable última de “episodios de malestar” entre asociacións, así coma das incertezas que sofren cada inicio de curso os diferentes entes culturais e deportivos.
A este respecto, a “tardanza na adxudicación de horarios”, impide - ao xuízo da formación - a correcta programación tanto dos propios responsables dos colectivos coma das familias que toman parte das actividades.
Para a que foi a número tres da formación nas pasadas eleccións municipais, María Xosé Fernández, “o orgullo que para Vilalba representa o feito de contar con un movemento asociativo tan rico e cunha tradición de colaboración tan consolidada, debería esixir dun Goberno Municipal atento e previsor, ademais de receptivo a todas aquelas propostas que estas lle acheguen ao respecto das súas necesidades.” Unha visión, compartida polo voceiro da formación, o edil Modesto Renda, contextualizaba a urxencia da iniciativa na “necesidade de superar a actual situación de improvisación pola vía da correcta planificación, así coma da procura constante de coidar o tradicional marco de convivencia entre as diferentes asociacións e entidades.
É por iso que reivindican unha xestión transparente e igualitaria na concesión de uso destes espazos, en base á posta en marcha duns criterios públicos accesibles e anticipadamente expostos nos taboleiros dos centros culturais e nas vías de difusión electrónica municipal. Unha nova dinámica de organización, para a propoñen a creación dun regulamento de uso actualizado á demanda actual, así coma a creación de cuadrantes públicos unha vez teña rematado o “curso municipal” e onde figure a relación completa de espazos a disposición, en tanto que paso previo a unha ou varias reunións coas asociacións.
Unha proposta, a defender no vindeiro pleno Ordinario de novembro, que se completa coa “reivindicación da necesaria colaboración institucional” a fin da ampliación do polideportivo municipal. Unha idea - recollida pola formación da man dunha proposta veciñal - que ten por obxecto último o de centralizar as actividades deportivas dotándoas dunha maior oferta de espazo na devandita instalación, permanecendo o auditorio municipal coma espazo reservado a aquelas de índole artístico/ cultural.
Na mesma liña, a iniciativa de Vilalba Aberta remata facendo tamén referencia á colaboración institucional na procura do acondicionamento dos polideportivos dos centros educativos. Unha reivindicada mellora que, ademais de nas condicións dos centros e o alumnado, repercutiría positivamente en tanto que potencial espazo.