Vilalba Aberta demanda tamén un plan de centros de día
O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de facer público o rexistro dunha solicitude demandando a elaboración dun plan de dotación de centros de día para Vilalba.
A iniciativa, que tal e como apuntan dende a formación municipalista “se artella complementaria á reclamación que o Sindicato Labrego Galego lle vén de facer chegar á Xunta”, busca o “necesario consenso” dos grupos con representación municipal, de cara a unha “declaración conxunta” no Pleno Ordinario de Maio.
Así mesmo, e tal e como explicou á prensa o seu voceiro municipal, Modesto Renda, o plan incluiría, ademais da posta en marcha do reivindicado centro na vila, “a implementación de servizos de coidados para persoas maiores en todas aquelas parroquias, cuxos indicadores de poboación maior de 65 anos ou dependentes así o recomendasen.”
É por isto, que na instancia presentada por Vilalba Aberta se reclama que se dote o plan co financiamento necesario a través dos Fondos de Recuperación Next Generation, acolléndose ás medidas contempladas no apartado “Cadea de valor 5: Sanidade e modos de vida saudable, nova economía dos coidados”.
Un paso adiante, que a súa compañeira de formación e recente incorporación de Vilalba Aberta, Ana Paredes, contextualizou na “necesidade urxente da capital chairega de contar cun centro de día público para o coidado de persoas maiores.”
“Non se entende que un Concello do tamaño do de Vilalba, con máis de 14.000 habitantes, un terzo dos cales supera os 65 anos de idade, non conte cun servizo destas características”, declarou.
Un modelo de coidados tamén para o rural
Para Renda, o eminente carácter rural do Concello, con 29 parroquias e unha superficie de 379,4 quilómetros cadrados (é o segundo máis grande de Galiza en extensión) “aconsella que ese servizo se leve tamén a algunhas parroquias para achegalo ás persoas usuarias.” Así, lembrou que dende o ano 2001, cando se iniciou o proxecto para construír un centro de día en Vilalba, se veñen escoitando promesas sobre a súa execución que “nunca se chegaron a cumprir.”
“Hai un profundo debate de cara a camiñar cara a outro modelo de coidados menos institucionalizado, menos centrado na atención residencial (quedando esta como último paso)”, explicou. “Este novo modelo apunta a unha atención máis centrada nos coidados domiciliarios e comunitarios, maior atención ás persoas, achegando os coidados ao seu entorno.”
E é por isto que dende Vilalba Aberta se entende que estes fondos europeos son unha oportunidade para mellorar os coidados de longa duración, dotando de centros de día a municipios rurais como Vilalba, e mesmo estudando a posibilidade de habilitar pequenas unidades de coidados nas parroquias, onde xa se conta con edificacións perfectamente adaptadas para poder prestar estes servizos, achegándoos máis ao entorno das persoas usuarias.
Os fondos de recuperación, unha oportunidade que o Concello non pode deixar escapar
O pasado 21 de abril, a Xunta de Galicia anunciaba o detalle das iniciativas publicas para optar aos Fondos de Recuperación. No bloque “Cadea de valor 5: Sanidade e modos de vida saudable, nova economía dos coidados” figuran varias partidas nas que se podería incluír o Centro de Día de Vilalba e as unidades parroquiais: 31-057-MRR. Centros de día itinerantes; 31-137-MRR. Casas niño e casas do maior; 31-151-MRR. Acompañamento da vida sostible rural, 31-196-MRR. Remodelación de centros públicos de servizos sociais para coidados de longa duración, etc.
Esta é a razón pola que, dende Vilalba Aberta, se entende como inmellorable a oportunidade para obter financiamento de cara a executar un ambicioso plan e neste senso se inserta o chamamento da formación municipalista de cara a un “total consenso municipal” .
Porque, tal e como remarcou Renda, “Os Fondos Next Generation son unha oportunidade que non podemos deixar pasar para cumprir cunha demanda histórica de toda a sociedade vilalbesa.”