Vilalba Aberta denuncia a vulneración dos dereitos laborais na adxudicataria do SAF

TerraChaXa
Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno Ordinario de xullo unha proposta de control municipal, a fin da fiscalización dos servizos públicos externalizados polo Goberno do Partido Popular no Concello de Vilalba.
axuda
6 Jul 2018

Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno Ordinario de xullo unha proposta de control municipal, a fin da fiscalización dos servizos públicos externalizados polo Goberno do Partido Popular no Concello de Vilalba. Unha decisión de urxencia, ratificada na súa asemblea logo de teren coñecemento a través dunha denuncia anónima, do proceder en materia laboral da adxudicataria en Vilalba do Servizo de Axuda no Fogar.

Alertan do continuado incumprimento do convenio, festivos non retribuídos e quilometraxes á conta dos traballadores, coma prácticas asumidas con total normalidade pola empresa Virxe do Carme, e ás que tal e como apuntaban hoxe na súa comunicación á prensa, cómpre sumarlle a da existencia de represalias contra todas aquelas traballadoras/es que denuncian. Unha realidade que acendeu todos os sinais de alarma no seno da formación, por afectar nin máis nin menos que a unha concesión de servizo recentemente prolongada e que se viu confirmada logo de contrastala, aos días, coa situación das traballadoras baixo nómina da devandita empresa no veciño Concello de Xermade

Neste senso se pronunciaba o seu voceiro, o edil Modesto Renda, que ao tempo que lamentaba que a defensa e potenciación do público, dende un funcionamento eficiente e eficaz como garante da redistribución e satisfacción real da renda e os dereitos sociais do conxunto dos veciños/as non forme parte da folla de ruta deste Goberno Municipal, lembrou que “a aposta decidida do Goberno polo modelo de xestión privada sobre os servizos públicos, non o exime da súa responsabilidade, atribuída por lei, como garante da súa xestión”. Responsabilidade, que para o edil asembleario “lle impón ao Goberno municipal unha serie de obrigas que non rematan no proceso de contratación, pois continúan ao longo da vida dun contrato, durante o cal o equipo de goberno debe velar polo bo cumprimento e desenvolvemento do servizo”.

É por isto que defenderá a fiscalización continuada das concesións administrativas e maila posta en marcha de controis municipais eficaces, coma “a última trincheira fronte á conversión do modelo de xestión indirecta nunha realidade de privatización definitiva encuberta”. Na mesma liña, a atención ás cláusulas que rexen o contrato e o regulamento de servizo resulta,para Renda, “o derradeiro garante tamén da súa calidade e control en termos de contratación e dereitos laborais, así coma de cara á aplicación da lexislación vixente na materia”.

“Falamos, cómpre recordalo, dunha grande parte do orzamento municipal transferida a mans privadas e cuxa xestión, en ningún caso, é coñecida pola veciñanza. Servizos públicos, responsabilidade dunha administración - o Concello - que delega o cumprimento das condicións laborais duns traballadores e traballadoras que, aínda non mantendo unha relación laboral co mesmo, son quen de facto prestan un servizo que afecta as persoas de Vilalba, sentenciou.”

Neste senso, dende a asemblea de Vilalba Aberta consideran de absoluta urxencia a posta en marcha de procedementos de control e de avaliación ao respecto dos servizos públicos, pois argumentan, son os representantes públicos e non outros, os encomendados a adaptar e perfeccionar os mecanismos oportunos, a fin de garantir que a prestación dos servizos municipais responda e sexa eficaz para atender as necesidades básicas da poboación á que están suxeitos e ao máis estrito cumprimento dos dereitos laborais de todos e cada un dos traballadores/as encargados de os materializar.

Unha proposta, que pretende a presentación por parte do Concello dun informe anual de seguimento e control de todos os servizos externalizados, incluíndo os resultados técnicos e económicos, grao de cumprimento dos obxectivos previstos, das obrigas de contrato e en materia laboral, así coma das actas das reunións conxuntas e/ou comunicacións entre Concello e empresa, incidencias, etc.

Na mesma liña, dende Vilalba Aberta propoñerán aos grupos con representación na corporación a posta en marcha dun un “Observatorio Municipal dos Servizos” de carácter consultivo, que teña entre os seus labores o control, seguimento, valoración e propostas de mellora dos servizos públicos municipais. Este, estaría formado polos voceiros dos Grupos, técnicos municipais e representantes sindicais das empresas concesionarias.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18096685409546