Vilalba Aberta denuncia o estado deplorable da canceira
Vilalba Aberta vén de facer público o rexistro dunha petición de comparecencia tanto da Alcaldesa como do edil de Medio Ambiente, en relación co actual estado da canceira. Unha interpelación directa ao goberno, que dende a formación municipalista vinculan, así mesmo, ao “deixamento de funcións” do Concello, en relación coa súa responsabilidade no que ten que ver co traslado de animais ao Centro de Recollida.
A secretaria da Asociación Os Peludiños, na actualidade, membro da asemblea de Vilalba Aberta, Ana Paredes, cualificou de “vergoñento” o estado das instalacións e denunciou a “inacción do goberno”, en relación co “comprometido mantemento do conxunto das instalacións.”
“O Concello é, dende maio de 2020, o responsable do mantemento e de velar pola hixiene da canceira. Lamentablemente, a un ano vista, o abandono é total e os damnificados son os animais que nela agardan polo traslado”, censurou.
Unha opinión compartida polo voceiro municipal da formación, Modesto Renda, en última instancia, encargado de trasladar ao pleno unha realidade que - lamentou - “lembra demasiado á das lexislaturas do PP á fronte do executivo municipal”.
É por isto que requirirán do goberno do PSOE toda a información, en relación co convenio de colaboración subscrito co centro de recollida (Garatuxa), así como ao respecto do xeito no que, actualmente, estas recollidas se están a realizar.
Así mesmo, solicitarán a remisión das fichas de recollida dos animais dende o momento da firma do convenio e esixirán explicacións ao respecto dos retrasos nos traslados, máis alá do máximo estipulado de 24h.
Outra cuestión fundamental a contrastar para Vilalba Aberta é se os animais están a saír ou non con microchip das instalacións municipais e se o sistema de traslado cumpre co establecido na Lei de Benestar Animal de Galicia.
E, na mesma liña, a formación demandará da alcaldesa “información clara”, ao respecto de se o Concello entregou algún animal sen microchip identificativo a algunha persoa que non fora o seu dono e/ou persoal do centro de recollida.