Vilalba Aberta denuncia o retraso na renovación do contrato da recollida de lixo

TerraChaXa
Vilalba Aberta volve saír ao paso do retraso no proceso de renovación do contrato de limpeza viaria e recollida domiciliaria de lixo.
recollida lixo contedores
15 Maio 2021

O Grupo Municipal de Vilalba Aberta volve saír ao paso do retraso no proceso de renovación do contrato de limpeza viaria e recollida domiciliaria de lixo. Un servizo público “fundamental para a veciñanza de vila e parroquias” do que, dende o ano 2000 é beneficiaria a empresa Urbaser e que, tal e como denunciou hoxe o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, “suma 8 meses fóra de contrato”.

Renda, que xunto á vicevoceira municipal de Vilalba Aberta, Mª Xosé Fernández, mantivo hai poucas datas unha xuntanza co conxunto dos traballadores/as; foi especialmente crítico co que cualificou de “abraiante inacción” do equipo de goberno do PSOE local. “O 25 de Setembro Vilalba Aberta denunciou por primeira vez o retraso da licitación e dende o 28 do mesmo mes, nada se sabe do proceso de renovación dun contrato, que non contempla prórroga e que calquera goberno responsable e previsor tería xa hai meses listo en tempo e forma”, explicou.

Na mesma liña, e ao tempo que lamentou a “evidente falta de planificación e organización interna” dun executivo municipal que “sempre chega tarde”, o voceiro de Vilalba Aberta volveu alertar da parálise municipal, tamén, en relación coa necesaria aprobación duns Orzamentos Municipais que definiu de “inaprazables”, en tanto que “dos mesmos depende a propia renovación do servizo”.

SITUACIÓN DE “ALEGALIDADE”

Dende a formación municipalista fan fincapé na situación de “alegalidade” na prestación do servizo en vigor pola aplicación da doutrina “da vía de feito”, sen prórroga nin licitación.  Unha realidade, que no pasado levou ao PSOE de Vilalba a denunciar ao anterior goberno do PP e que para Renda representa unha situación de excepcionalidade “intolerable” dende o punto de vista da veciñanza que votou cambio.

Así mesmo, dende o Grupo Municipal de Vilalba Aberta requirirán de novo a comparecencia en pleno do concelleiro delegado en materia de servizos, Rodrigo Pavón, co fin de coñecer se a concesionaria está prestando o servizo nas mesmas condicións previstas ao contrato de 1 de outubro do ano 2000 ou se foi aplicada algunha modificación nas prestacións.

0.19303917884827