Vilalba Aberta denuncia "parálise" na licitación do servizo de recollida de lixo

TerraChaXa
Vilalba Aberta vén de facer pública unha nova reunión, desta volta co persoal da adxudicataria do servizo de limpeza e recollida de lixo.
28 Jan 2021

O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de facer pública unha nova reunión, desta volta coa representación do persoal da adxudicataria do servizo de limpeza e recollida de lixo.

Unha xuntanza, na que traballadores/as das diferentes quendas e zonas (mañás, noites e rural), tiveron a oportunidade de expoñer diante da formación o conxunto das súas reivindicacións e demandas, nun contexto – lembraron - de “total parálise municipal”, en relación co proceso de renovación (o servizo está fóra de contrato dende setembro) e que, ámbalas dúas partes definiron de “preocupante dende o punto de vista laboral e de xestión.”

A este respecto, censurouse especialmente que o equipo de goberno continúe a gastar o diñeiro dos vilalbeses/as en estudos de consultoras privadas (os últimos, pagados a unha empresa foránea por un informe de recollida), ao tempo que a experiencia e a visión obxectiva dos traballadores/as nin tan sequera fora requirida, como acostuma a ser lóxico noutros Concellos, de cara á redacción dos pregos técnicos da licitación.
“O 25 de Setembro Vilalba Aberta denunciou publicamente o retraso e dende o 28 do mesmo mes, nada se sabe do proceso, máis alá de que o anunciado a bombo e pratos polo Goberno é imposible de cumprir en termos de económicos, orzamentarios e de xestión”, apuntou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda.

Renda, que agradeceu a “total predisposición” dos traballadores na xuntanza, cualificou de “imprudencia” a nota de prensa coa que o Goberno tratou de “pechar en falso” o debate da licitación en Setembro, remarcando que “o anunciado suporía multiplicar por 2 o actual custo do servizo e, en consecuencia, descapitalizar por completo o Concello”.

Unha visión, compartida pola súa compañeira de grupo e vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, quen de novo lamentou a “evidente falta de planificación e organización interna” dun equipo de goberno que “sempre chega tarde” e ao que urxiu á posta en marcha dun proceso de adxudicación “limpo e transparente”, que dea cumprimento ás obrigas que lle corresponden ao Concello, de acordo co establecido na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, a Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia.

Así mesmo, Vilalba Aberta volveu alertar da inacción municipal, tamén, en relación coa necesaria aprobación duns Orzamentos Municipais que, tal e como explicaron ámbolos dous edís, son “inaprazables”, en tanto que “das mesmas depende a propia contrata”.

0.15033602714539