Vilalba Aberta e En Marea reclaman atención para MUPAV
O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, e o concelleiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda apelaron ás portas do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba a poñer en valor este centro, que debería ser unha referencia en Galicia. Ademais, pediron que se dote dos recursos precisos para o desenvolvemento da súa actividade.
Nas declaracións aos medios de comunicación á entrada do Museo, Fernán Vello explicou que a visita e a xunta co director que mantiveron “ten por fundamento coñecer de primeira man a situación deste interesante centro que amosa valiosas pezas arqueolóxicas da Prehistoria, que consideramos debería ser obxecto de amplo coñecemento”.
Neste sentido, defendeu a necesidade de poñer en valor a rica pegada arqueolóxica e histórica que temos na Terra Chá e lembrou no só o xacemento de Pena Grande senón tamén a Torre de Caldaloba, que foi obxecto de iniciativas de En Marea no Congreso polo seu mal estado, e o Castro de Viladonga no concello de Castro de Rei.
“Temos un triángulo patrimonial de grande relevancia na Terra Chá, pertencentes a distintos periodos históricos e que deberían formar parte de difusión e parte dun programa de visitas”, afirmou.
Sinalou ademais que ten a certeza de que “en calquer parte de Europa un triángulo así sería obxecto de maior atención e proteción”. Lembrou que o xacemento de Pena Grande “estaba nunha axenda para a súa venda como se fose un inmóbel calquera. Ía ser subastado. E foi a iniciativa de En Marea diante do entón Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, como se logrou parar o despropósito”.
Vilalba Aberta pide dotacións, ampliación das dependencias e arranxos
O deputado de En Marea indicou que “faltan políticas e medidas destinadas a preservar o numeroso patrimonio que posuímos como o que alberga o Museo de Vilalba”. Engadiu que En Marea vai ofrecer toda a súa colaboración através do parlamento galego, do Congreso ou no concello para ser correo de transmisión das necesidades no eido histórico patrimonial. En concreto no que atinxe ao Museo de Vilalba”. Por exemplo, engadiu, demandando maiores dotacións orzamentarias.
Pola súa parte, Modesto Renda explicou aos medios a moción que no día de hoxe Vilalba Aberta vai levar á sesión plenaria do concello sobre a situación financeira do Museo, escaso en recursos económicos o que “está a provocar o abandono de actividades tan importantes como a cuarta edición do Congreso Internacional de Arqueoloxía. Tamen salientou deficiencias como a falla de autoguías. Demandará no pleno un acordó para que o Museo conte cunha partida anual de fondos aportada desde as arcas municipais a fin de garantir a viabilidade e o futuro deste Centro