Vilalba Aberta fai unha proposta para eximir das taxas municipais

TerraChaXa
Vilalba Aberta pide que se exima do pago das taxas de recollida do lixo, subministro de auga e saneamento varios colectivos
12 Feb 2021

Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova iniciativa de cara ao vindeiro Pleno Ordinario da Corporación. Unha solicitude “con carácter de urxencia”, a fin de que os negocios vilalbeses afectados polas medidas de peche temporal de actividades establecidas pola Xunta, se vexan beneficiados pola exección do pago das taxas de recollida do lixo, subministro de auga e saneamento, dende o 27 de xaneiro (día de entrada en vigor da Orde Autonómica) e ata o momento no que se produza o levantamento das suspensións impostas.

A medida, sumaríase así ás exencións e bonificacións en taxas e impostos municipais, decretadas polo Concello o pasado mes de maio, cando a formación asemblearia aínda formaba parte do Goberno Municipal.

“Todas as capacidades económicas e humanas da administración deben ter como obxectivo o de para paliar os efectos da crise da Covid-19, tamén a nivel municipal”, apuntou a este respecto o seu voceiro na corporación, Modesto Renda, quen cualificou a proposta de Vilalba Aberta como “de sentido común”, en base á orde da Xunta de Galicia publicada no DOG o pasado 26 de xaneiro, sobre as medidas de prevención contra a Covid-19, e que, tal e como lembrou, “afecta dunha forma especial e directa tanto aos profesionais da restauración e a hostalería, como aos propietarios de centros deportivos e ás emprendedoras do sector do ocio infantil.”

É por isto que chamou a seguir o exemplo de Ribadeo, onde “dende onte, os titulares dos negocios afectados poden presentar solicitudes neste sentido, pola vía dunha declaración censal ou certificado do IAE da anualidade 2021, así como dunha declaración responsable conforme o local estivo pechado durante o período que resulte afectado.” 

0.18467307090759