Vilalba Aberta fala de explotación laboral dos traballadores do SAF
"A situación de vulneración dos dereitos laborais na adxudicataria da Axuda no Fogar no Concello de Vilalba parece estar un pouco máis cerca de chegar ao seu final", así o indicaron os representantes de Vilalba Aberta, que indican que "logo de 7 meses de traballo, denuncias, interpelacións, debates plenarios e, por enriba de todo, constante comunicación cunha boa parte das máis de 120 traballadoras afectadas; Vilalba Aberta ven de facer públicos o conxunto de datos e comparativas, que demostran a flagrante situación de aberta explotación laboral no seo da empresa encargada de prestar un dos máis fundamentais servizos para a veciñanza de vila e parroquias".
Unha concesionaria que, tal e como lembran dende a formación, “incumpre co beneplácito do Goberno Municipal o 100% do Convenio Colectivo, deixando de pagar tanto os trienios coma os plus de distancia; non computando coma tempo de traballo efectivo o relativo ao desprazamento entre usuarios e establecendo unha xornada semanal en 40h, cando o Convenio delimita 38,5h.
“Estamos a falar dunha situación idéntica á sufrida polas traballadoras baixo nómina da empresa nos veciños Concellos da Pastoriza ou Cospeito, co agravante de que as condicións salariais das de traballadoras de Vilalba son aínda peores, pois, mentres nestes Concello se aplicaban as táboas de 2012, aquí, nin tan sequera se pagan as soldadas fixadas para o ano 2011”, apuntaba hoxe o seu voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, en clara referencia ao precedente do Conflito Colectivo presentado pola C.I.G no veciño Concello da Pastoriza, referenciado nunha reclamación das diferencias salariais para o exercicio 2018 de preto de 35.000€ e en cuxa conciliación, a empresa se negaba a pagar máis do 40% resultante.
A vindeira convocatoria de eleccións sindicais e a reacción de Concello e empresa diante das mesmas, é outro dos aspectos fundamentais para comprender a situación a ollos de Vilalba Aberta. “Nada máis coñecer a convocatoria electoral e a certeza da presentación de ao menos unha candidatura, Goberno Municipal e empresa puxeron en funcionamento a maquinaria do medo, anunciándolle ás traballadoras que, de defenderen a correcta aplicación do Convenio Colectivo, a empresa presentaría suspensión de pagos. Unha decisión, que en ningún caso pode adoptar ningunha empresa, pois esta debería partir do Xulgado Mercantil”, lembraba Renda.
Á este respecto – continuou - “en tanto que empresa de prestación de servizo, de renunciar ou rematar a actual relación entre Concello e empresa, os postos de traballo en ningún caso estarían en perigo, pois as traballadoras serían obrigatoriamente subrogadas pola nova empresa adxudicataria, tal e como se establece de xeito explícito no Convenio.”
Neste senso se pronunciará no Pleno, pola vía dunha nova proposta aos grupos con representación municipal, e a fin de rematar cunha situación laboral que dende Vilalba Aberta cualifican de “insostible”.
Na mesma liña se manifestou a que será a número 2 de Vilalba Aberta nas vindeiras Eleccións Municipais, María Xosé Fernández Pardo, lembrando, ademais, que a axuda no fogar “é un traballo moi feminizado e a discriminación salarial afecta fundamentalmente ás mulleres”
Dende a formación anticipan xa que presentarán, ao tempo, unha moción de reprobación contra o Alcalde e a Concelleira de Servizos Socias, por “mentir deliberadamente ás traballadoras” e “ocultarlles a obrigatoriedade da subrogación”.