Vilalba Aberta lanza unha campaña de apoio ao comercio local
Polo noso, consume Comercio Local. Ese é o lema da nova campaña en favor do comercio local que vén de impulsar Vilalba Aberta, coincidindo coa festividade do Nadal. Unha iniciativa, a desenvolver nas redes sociais e a través da pegada de carteis publicitarios en vila e parroquias, que pretende en palabras dos seus participantes “apoiar as compras na vila xa que, se ese diñeiro permanece na contorna, estará a se reinvestir no municipio, máis se cabe nunhas datas onde o consumo se dispara.”
Apostan dende Vilalba Aberta por "revitalizar" o comercio local pola " calidade" e " amabilidade" que ofrece. "No comercio local tés a oportunidade de verlle a cara a quen che vende e, ademais, sabes de onde veñen vos diferentes produtos. Tes a certeza do que aí hai" - apuntan - ao tempo que lembran o "dinamismo" e a "cohesión social" que achega aos diferentes barrios e parroquias.
A este respecto, dende a formación contrapoñen a súa idea coa “incapacidade manifesta” do Goberno Municipal de “Poñer en marcha unha campaña municipal en Nadal para o incentivo das compras nos pequenos comercios, coma un primeiro paso de cara á posta en marcha dun Plan Municipal de Medidas en Defensa do Pequeno e Mediano Comercio”. Un apoio dende o consistorio, que para Vilalba Aberta debería estar “especificamente consensuado” cos comerciantes e representantes das PEMES locais, a fin dunha estratexia de información e guía que promocione e facilite o coñecemento dos diferentes comercios segundo a oferta.
Vilalba Aberta, que no seu programa electoral de 2015 incluía xa a posta en marcha de cláusulas sociais nos contratos e licitacións, dando prioridade a pequenas empresas e autónomos coa finalidade de manter o emprego no Concello, volve así a reivindicar tamén a necesidade de promocionar o comercio de proximidade e o emprendemento familiar, en tanto que “ tipo de comercio que realmente xera barrio”. Nesta liña, denuncian que a “falta do apoio” ao pequeno comercio provén tamén das “trabas burocráticas, os tempos e os permisos”.
Iluminación de Nadal
A tardanza e actual falta de iluminación é outra das preocupacións da formación, que denuncia que, durante a campaña do Nadal, o centro está máis cuberto en contraposición a “outras zonas tristes e apagadas”. Así mesmo, para Vilalba Aberta son imprescindibles medidas municipais que favorezan a vinculación do comercio de proximidade ás novas tecnoloxías. A rexeneración urbana é outra materia pendente para a formación, xa que “rexeneración urbana e comercio deben ir da man”, sentencian.