Vilalba Aberta leva a Pleno hoxe 3 iniciativas, 6 preguntas e 1 rogo
O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de anunciar o rexistro de dez asuntos de cara ao Pleno Ordinario desta tarde. Un total de doce cuestións a defender, se suman ás preguntas que a Alcaldía deixou pendentes no ordinario de xaneiro.
Tres iniciativas en forma de moción, seis (+2) preguntas e unha solicitude en forma de rogo, a través das que se abordarán os seguintes temas:
MERCADO DE ABASTOS
Modesto Renda defenderá diante dos grupos con representación municipal un proxecto de revitalización e posta en valor do Mercado, entendido coma unha proposta integral baseada na diversificación da oferta, a mellora dos accesos, as exencións e o produto do noso rural; coa que pretendemos pór fin a cinco anos de abandono e desleixo municipal.
SERVIZO DE LIMPEZA DOS COLEXIOS
Vilalba Aberta volve saír ó paso da situación laboral das traballadoras do servizo de limpeza nos colexios, censurando o inxustificable retraso do goberno municipal en relación cun proceso de licitación imprescindible para que as traballadoras cobren, toda vez descartada a xestión pública.
Unha “abraiante falta de planificación” por parte dun goberno local, “perfectamente coñecedor da situación límite das traballadoras, así como dos propios tempos da contrata”, que Mª Xosé Fernández trasladará ao Pleno.
PLAN XERAL
Modesto Renda pedirá contas á alcaldesa e ao edil de Urbanismo, en base á parálise administrativa, en relación coa aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) por parte do goberno do Concello de Vilalba.
Unha interpelación, que chega logo de vinte meses de inacción municipal, ao respecto dun documento que a veciñanza leva agardando dende 2004 e cuxa tardanza está, a xuízo da formación, detrás da xudicialización do urbanismo en Vilalba e do retraso na ampliación do chan industrial.
DEVOLUCIÓN DAS COTAS
Por terceiro Pleno consecutivo, Vilalba Aberta urxe ao equipo de goberno a dar conta da situación na que se atopa o comprimetido proceso de devolución proporcional, por servizos non prestados,
Unha reivindicación, que parte das numerosas denuncias veciñais en relación coa tardanza do Concello nos publicitados reintegros, así como no que ten que ver coa falta de información por parte dun equipo de goberno que, tal e como denuncian dende a formación, “segue a facer gala da súa incapacidade manifesta nos aspectos organizativo e de xestión, nomeadamente naqueles asuntos que requiren do máis mínimo proceso de tramitación.”
APARCADOIRO SUBTERRÁNEO
O pasado 18 de Agosto, O Goberno Municipal anunciaba a limitación do tempo de uso gratuíto do aparcamento. Un investimento de 67.486 euros, do que 7 meses despois, aínda non se sabe nada. Modesto Renda interpelará á alcaldesa co fin de desbloquear a situación do céntrico Párking.
RECOLLIDA DE LIXO
O pasado 25 de Setembro, Vilalba Aberta denunciaba publicamente o retraso en relación coa renovación do contrato e dende o 28 do mesmo mes, nada se sabe do proceso. En base a isto, a formación preguntará sobre a situación na que se atopa o proceso, así como sobre a razón que xustifica os 6 meses de retraso.
MUPAV
O Grupo Municipal de Vilalba Aberta volve – seis meses despois – a levar de novo a Pleno a “inaceptable situación” que se deriva do total deixamento de funcións do Concello, ao respecto das súas responsabilidades co MUPAV (Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba).
Unha realidade, que cualifican de “insostible” e que, ao xuízo da formación, acadou o límite do tolerable ao non cumprir o Goberno Municipal coa convocatoria á que se comprometeu no Pleno Ordinario de Setembro, en relación co tratamento por parte dos grupos con representación da súa situación legal.
ACTIVIDADE MADEIREIRA
Por terceiro Pleno consecutivo, Renda urxirá ao cumprimento dunha das ordenanzas de maior transcendencia para a veciñanza das parroquias, e tratará de saber a razón ultima pola que o equipo de goberno non esta exercer as súas competencias no relativo ao control das actividades extractivas de madeira.
Unha reivindicación, que parte das numerosas queixas da veciñanza das parroquias, en relación coa inacción do Concello diante do deterioro que as actividades derivadas da corta e saca da madeira producen no firme.
TRAVESÍA DO SOL
Vilalba Aberta preguntará acerca das obras nunha zona “entre murallas”, con máis que probables restos medievais, diante da que, aseguran, “parece lóxica a esixencia do conseguinte proxecto ou cata arqueolóxica e/ou, como mínimo, control arqueolóxico durante a execución da obra.”
PAGO DAS TAXAS
Por último, o Grupo Municipal de Vilalba Aberta solicitará que os negocios vilalbeses afectados polas medidas de cese temporal de actividades establecidas pola Xunta, se vexan beneficiados pola exección do pago destas taxas dende o 27 de xaneiro (día de entrada en vigor da orde autonómica) ao momento do levantamento das suspensións.
Unha medida, lembran, que se sumaría ás exencións e bonificacións en taxas e impostos municipais decretadas polo Concello o pasado mes de maio, cando Vilalba Aberta aínda formaba parte do Goberno Municipal.