Vilalba Aberta levará a Pleno a demora nos permisos de reconstrución

TerraChaXa
Vilalba Aberta cualificou de “insostible” a demora do Concello cos permisos e lembrou á alcaldesa os empregos que hai en xogo.
incendio xamons otero jamones gourmet
7 sep 2022

O voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, reuniuse este luns coa xerencia da cárnica local Gourmet Otero co fin de trasladarlle o apoio e compromiso da súa formación diante da situación de demora nos permisos de reconstrución, da que responsabilizou ao goberno de Vilalba.

A empresa, antiga Francisco Otero e con sede na parroquia de Goiriz, foi en Maio de 2021 vítima dun incendio que destruíu parte da súa fábrica (concretamente a zona dos secadoiros) e nas últimas semanas tanto a xerencia como os traballadores/as fixeron público o seu descontento e indignación colgando tres pancartas no exterior das instalacións, nas que se denuncian os 15 meses sen resposta do Concello.

“A situación é absolutamente límite e a empresa non pode pasar outro inverno así” explicou un Modesto Renda que, á saída da xuntanza, se mostrou especialmente crítico co papel da Alcaldesa e os restantes membros do goberno municipal.

Así, e ao tempo que denunciou que o Concello tardara “máis de seis meses para un simple permiso de desescombro”, o voceiro de VA cualificou de “insostible” que unha empresa que da traballo directo e indirecto a preto de 30 veciños/as, leve15 meses agardando por un permiso de reconstrución, diante do silencio e a falta de respostas dun goberno municipal “ausente”.

DOCUMENTACIÓN

"De especial gravidade" é, ao xuízo de Renda, o feito de que, despois de presentar toda a documentación e facer un ingreso de taxas por un importe de preto de 30.000€, o Concello leve dende marzo “paralizado e sen ofrecer nin a máis mínima resposta e explicación á xerencia da empresa”. 

“En calquera Concello, un investimento como o desta reforma (arredor de millón e medio de euros) sería prioritario; mais aquí, no canto de axudar ás empresas semella que quixeramos sentencialas”, censurou. 

PLENO

O compromiso de Renda cos traballadores e a empresa, ratificarase esta semana pola vía do rexistro dunha petición de comparecencia en Pleno da alcaldesa, Elba Veleiro, co fin de que o goberno dea conta da demora diante da veciñanza, traballadores e empresa, así como a modo de presión co obxectivo “facer do expediente” unha prioridade municipal e evitar que a situación se prolongue ata o inverno.

“A política municipal son prioridades e a alcaldesa debe ter presente a cantidade de postos de traballo que hai en xogo” lembrou.

0.16940999031067