O Concello de Vilalba estuda coas familias a ampliación do comedor da EEI
O Concello de Vilalba reunirase este xoves 9 de marzo ás 19 horas na Casa da Cultura coas familias que están a realizar as prematrículas na Escola de Educación Infantil de Vilalba e que solicitan praza no comedor do centro.
O servizo de comedor, posto en marcha polo goberno local hai dous cursos escolares, iniciouse a petición do centro de ensino con 45 prazas. Desde aquel momento, o Concello estivo en permanente contacto coa Escola Infantil, sendo coñecedores de que na actualidade a solicitude de prazas de comedor está a aumentar.
Ante esta nova situación, xa se trasladou ao equipo directivo en recentes datas que se están a estudar todas as posibilidades, e agora desde o goberno local queren manter unha reunión cos pais e nais para que coñezan os avances trazados ante esta problemática e acordar unha solución.
“Existe un convenio coa Xunta de Galicia, sobre a que recae a competencia de Educación, polo cal financia unha parte destas prazas de comedor, servizo co financiado e xestionado polo Concello de Vilalba”, aclaran desde o goberno, engadindo que “tivemos que falar coa Xunta para abordar esta nova situación e tratar a posibilidade dun novo convenio, estudando a posteriori a aportación municipal, que a día de hoxe constitúe a meirande parte do servizo”. Neste punto, “temos unha aproximación das prazas que se poden precisar, pero aínda estamos en período de prematrícula”.
Desde o Concello de Vilalba amósanse unha vez máis dispostos a escoitar de primeira man as necesidades das familias, “pois a forma máis acaída de chegar a acordos é falando e explicando a situación e os distintos trámites que se deben facer”, enviando unha mensaxe de “tranquilidade” e poñendo por diante o diálogo entre as partes, “fóra de ruídos que o único que pretenden é sacar rédito político e non solucións”
VILALBA ABERTA
Sobre isto, o candidato de Vilalba Aberta á Alcaldía, Modesto Renda, rexistrou este venres unha petición de comparecencia da alcaldesa co obxectivo de que “dea conta da situación do comedor da Escola Infantil”. A formación municipalista pretende así que a rexedora explique diante das familias afectadas o porqué dos “continuados incumprimentos do equipo de goberno”, situando a problemática da conciliación “no centro do debate político municipal.”
“O goberno creou as expectativas falando de ampliar de 45 a 75 as prazas, recuou despois coa posibilidade das dobres quendas e, por último, limitou a teórica ampliación a soamente 9 prazas”, explicou o candidato. Renda, que censurou a falta de seriedade dun goberno que “a 20 días do inicio do prazo de preinscricións non comunicou absolutamente nada”, instou á Alcaldesa a “mudar a política das promesas pola planificación e a previsión a medio prazo”.
A posible baixa de matrículas que se derivaría da deficiente xestión municipal é outra das preocupacións de VA. Para argumentalo, Renda puxo o exemplo dun primeiro fillo/a con praza e un segundo/a que quedaría fóra. “Sen compromisos reais, as familias rematarán por penalizar un centro que sempre foi modelo e a menor matrícula peores estándares, menos servizos e menos actividades” lamentou. “O que tantos anos costou construír, non pode perderse por desleixo dunha ou varias administracións”.
Unha opinión compartida pola Nº 3 de VA, Tamara Rodríguez, que contextualizou a iniciativa na necesidade de “trasladar ao Pleno a indignación das familias traballadoras”. Rodríguez definiu as políticas de conciliación como unha “prioridade a nivel municipal” e criticou a política do “titular e do fume en prensa”, que logo “non se corresponde coa realidade.”