Vilalba Aberta levará a Pleno as solicitudes veciñais "sen contestar"

TerraChaXa
Renda pedirá explicacións ao goberno en base ás múltiples reclamacións de veciños/as e asociacións que superaron o prazo legal sen resposta.
vilalba aberta
13 Feb 2022

Modesto Renda pedirá explicacións ao goberno en base ás múltiples reclamacións de veciños/as e asociacións que superaron o prazo legal sen resposta algunha.

O Goberno Municipal acumula solicitudes e reclamacións sen que a cidadanía reciba resposta algunha”. Así o indica Vilalba Aberta, cuxo Grupo Municipal vén de rexistrar unha petición de comparecencia da alcaldesa de cara ao Pleno Ordinario do vindeiro mes de Marzo.

Dende a formación municipalista, denuncian que teñen coñecemento de ata 27 peticións paralizadas, é dicir, que non obtiveron resposta aínda superando o prazo máximo que ten cada concelleiro/a e/ou departamento para emitir unha resolución desde que recibira a solicitude. Así, outras 9 reclamacións asignadas e repartidas entre as diferentes áreas do goberno están pendentes de resolución dentro do prazo, mais a escasos días de caducar.

Engaden que en cifras absolutas, a Concellería de Urbanismo e Infraestruturas é a que ten máis reclamacións/peticións de información sen resolver. Pero está case empatada coas áreas de Medio Ambiente e coa Alcaldía en termos de atasco e falta de información.

Así, segundo os datos extraídos das denuncias veciñais recollidas por Vilalba Aberta, a Concellería que dirixe Luís Fernández Álvarez conta con 15 peticións de información sen resposta, das cales 4 están en prazo, mais a piques de finalizar. Dúas menos que Alcaldía e catro menos que Medio Ambiente que, respectivamente, suman 9 e 7 solicitudes que aínda non obtiveron unha resposta a pesares de cumprir co tempo máximo legal.

“Cando a administración non responde se concede o acceso á información ou o denega denomínase silencio administrativo”, explicou o voceiro da formación, Modesto Renda, quen lembrou que o artigo 20.4 da Lei de Transparencia recolle que “transcorrido o prazo máximo para resolver sen que se ditou e notificado resolución expresa entenderase que a solicitude foi desestimada”.

“Dende Vilalba Aberta censuramos que concelleiros/as que perciben un salario que proven dos impostos dos vilalbeses e as vilalbesas, coleccionen no despacho os sucesivos avisos e reclamacións”, lamentou Renda, ao tempo que agradecía a confianza da veciñanza en Vilalba Aberta, en tanto que “altofalante da súa indignación”, din.

Unha visión compartida pola súa compañeira e vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, quen recordou á alcaldesa que a veciñanza pode entender que se “cometan erros” e, inclusive, que “todas as peticións non poidan ser atendidas”; mais o que nunca pode comprender é que se lle “ignore ou desprece” e neste senso a iniciativa que veñen de presentar.

0.22165608406067