Vilalba Aberta levará a Pleno o arranxo de 9 pistas

TerraChaXa
Vilalba Aberta levará a pleno o arranxo de 9 pistas en oleiros, vilapedre, noche, belesar, mourence e boizán.
vilalba aberta modesto
11 Ago 2022

Vilalba Aberta volve tomar a iniciativa. Logo de acadar un traballado acordo co goberno por valor de 900.000€ para a mellora da rede viaria en 21 parroquias, a formación municipalista vén de anunciar que levará a Pleno unha nova proposta de incorporación de crédito en beneficio daquelas que quedaron fóra. 

Deste xeito, proporase a incorporación á anualidade 2022 (polo procedemento de modificación orzamentaria) dun fondo total estimado de 250.000€ co obxectivo de dotar de crédito á execución de diversos proxectos de obra en diferentes vías e accesos de titularidade municipal nas parroquias de Oleiros, Vilapedre, Noche, Belesar, Mourence e Boizán. 

Tal e como explicou o seu voceiro municipal, Modesto Renda, a iniciativa parte do “firme compromiso” da formación cos veciños daquelas parroquias que quedaron fóra do acordo entre VA e o goberno, así como cos de outras que, como é o caso de Vilapedre, “non contaron co investimento que o estado da súa rede viaria esixía”. 

Así, e ao tempo que vinculou os “límites” do acordo co goberno ás “concesións que toda forza política ten que facer nun proceso de negociación”, Renda apelou ao factor “complementario e corrector” desta nova proposta, establecendo unha comparativa co acadado pola formación ao respecto das axudas a autónomos a finais do pasado ano. “Fixémolo cando logo de meses de traballo e de arrincamos do goberno as axudas a autónomos, arrincamos a posta en marcha dunha segunda liña para aqueles que quedaran fora. Fixémolo e volverémolo facer”, sentenciou. 

0.23251414299011