Vilalba Aberta levará ao Pleno unha iniciativa para solicitar dous ciclos formativos máis de FP

TerraChaXa
A asemblea de Vilalba Aberta vén de anunciar unha nova iniciativa, a defender no vindeiro Pleno do 27 de setembro.
PenaNovoPNG
18 sep 2018

A asemblea de Vilalba Aberta vén de anunciar unha nova iniciativa, a defender no vindeiro Pleno do 27 de setembro. Trátase dunha moción, relativa á solicitude de dous novos ciclos formativos de FP para Vilalba, isto é; o curso FP de Explotacións Agrarias Extensivas e o de Procesos e calidade na industria alimentaria. Unha proposta, que defenderán paralela á da presentación dunha Proposición non de Lei non Parlamento Galego, a través do Grupo parlamentar de En Marea na citada cámara de representación.

Na súa argumentación, a formación asemblearia fai referencia ás posibilidades que, en termos de formación e de inserción de emprego, suporía para a mocidade vilalbesa a posta en marcha “dos dous ciclos que mellor atenden á realidade dun concello eminentemente agrario e que se caracteriza, ao tempo, por contar con dúas das mais importantes empresas de transformación de leite: A multinacional Lactalis e Entrepinares.

Na mesma liña se pronunciaba hoxe o seu voceiro e edil, Modesto Renda, contextualizando a iniciativa na “imperante necesidade de facer competitiva a estrutura produtiva do Concello, ao tempo que se melloran ás condicións de empregabilidade dun segmento de poboación, a mocidade, líder involuntario de todas as clasificacións de datos de paro e para o que Formación Profesional se concibe coma unha ferramenta imprescindible”

A xuízo do Concelleiro asembleario, “o futuro das nosas explotacións está en risco, en tanto que non resulta fácil a substitución xeracional sen a necesaria e oportuna formación. Unha formación, paralelamente, sen a cal o traballo agrario está inxustamente infravalorado.” Neste senso, recalcou, “é necesario poñer en valor o traballo agrario para que os mozos/as o vexan como unha oportunidade de futuro e se recupere o interese por continuar coas actividades iniciadas polo seus pais e/ou avós, modernizándoas e adaptándoas a unha novas tecnoloxías que as fagan competitivas no contexto actual”. Unha visión, que dende Vilalba Aberta fan extensivo ás potencialidades do outro ciclo que, ademais do de Agrarias, pretenden importar, isto é: o anteriormente citado de “Procesos e calidade na industria alimentaria”, e que pola vía da específica formación en tarefas de xestión da produción, organización, control, investigación, así coma no que ten que ver co desenvolvemento, calidade e seguridade alimentaria; suporía, do mesmo xeito, a tan necesaria adaptación da oferta formativa ás verdadeiras necesidades produtivas, neste caso, do - non precisamente amplo - tecido empresarial de Vilalba.

Un intento, en definitiva, de adaptar ao Concello de Vilalba a unha contorna laboral que mudou definitivamente nos últimos anos e que se atopa reflectida en recentes estudos, tales como o realizado pola OCDE “As competencias máis aló da escola”, e que xa estiman que ata 2020 preto de dous terzos do crecemento no emprego terá lugar na categoría de técnicos titulados de Formación Profesional en Grao Medio e Superior. Unha realidade, que leva a pensar que o desenvolvemento da economía actual require de titulados moi especializados, con formación que non necesariamente debe ser superior aos dous anos.

Neste senso a iniciativa, a fin de “converter - a medio prazo - a Vilalba nun referente do sector agroalimentario, en base a unha crecente densidade gandeira, ao repunte e consolidación da produción ecolóxica e de proximidade e á calidade innovadora dunhas explotacións, que se conciban competitivas ao tempo que respectuosas co medio ambiente”.

0.193608045578