Vilalba Aberta mobilizouse na feira en contra dos "recortes no centro de saúde"

TerraChaXa
A formación repartiu dípticos informativos entre a veciñanza como inicio dunha “ofensiva institucional” na defensa da atención primaria.
vilalba aberta reparto contra recortes centro saude
7 Feb 2022

Vilalba Aberta segue a reivindicar a necesidade de reverter os recortes de servizos no Centro de Saúde. Logo de sacar adiante unha iniciativa no Pleno que, a pesares do voto en contra do PP, obrigou ao Concello de Vilalba a instar á Xunta ao reforzamento da Atención Primaria no municipio; a formación municipalista despregou unha “acción reivindicativa” coincidindo coa tradicional feira.

Na mobilización, da que tomaron parte varios membros de VA entre os cales se atopaban os dous edís da formación, procedeuse ao reparto de trescentos dípticos informativos, co obxectivo de trasladar á veciñanza “a relación directa entre a perda de servizos e as decisións políticas que o provocan.”

“Denunciamos que non se cubran as baixas por xubilación; que dende Xuño haxa veciños/as sen médico de tarde; as esperas de ata 15 días para unha cita presencial ou telefónica e que os 2 cupos de pediatría estean sendo cubertos por médicos de familia”, explicou o seu voceiro municipal, Modesto Renda. 

Así, lembrou que “ao desmantelamento dunha atención especializada” como a dos servizos de oftalmoloxía ou reumatoloxía, se lle sume o feito de que “dende hai tres anos non haxa servizo de oculista.”

Unha opinión compartida pola recentemente elixida coordinadora de VA, Mónica González, quen contextualizou os recortes no feito de que o Centro de Saúde de Vilalba conte con 11 cupos de profesionais de medicina de familia e comunitaria dos que “só están sendo cubertos 8.”

“A actual situación obriga a redistribuír os 3 cupos sen cubrir de pacientes, cun resultado de máis de 1.700 pacientes por profesional”, censurou González.

Así, denunciou que “en plena sexta onda da maior pandemia sanitaria que coñecemos”, o investimento en Atención Primaria aínda “sexa máis baixo que no ano 2020, 2 millóns de euros menos; 47 millóns de euros menos que no 2009.”

“Estamos á cola de todo o Estado (tan só o 12% do orzamento) máis de dous puntos menos que a media. Un tanto por cento que nin moito menos se aproxima ao 25% que aconsellan todos os estudos”, explicou.

0.19795989990234